Moita variedade en lonxas e prazas de abastos

Moita variedade en lonxas e prazas de abastos
13 de Xuño, 2019 - 10:49 h. | Publicada por Radio Fene

Algunha xarda subastouse esta semana na lonxa de Ribeira. A reducción da cuota de xarda impide aos cerqueiros de Ribeira acudir á costeira do Pais Vasco. Fontes do sector sinalaron que teñen un 40% menos que o ano pasado para a pesca da cabala. A pesar diso o luns pasou pola lonxa de Ribeira unha certa cantidade de xarda. Vendéronse mil cen quilos ao prezo máximo de 4.70 euros. Non houbo Scomber scombrus nas restantes lonxas galegas, segundo informa a Conselleria de Pesca.

Praza de abastos de Ferrol

Na Coruña e en Ribeira a especie máis vendida nestes primeiros dias de xuño, foi o lirio con máis de vinte tres mil quilos na cidade herculina (0,67 € de prezo máximo) e setenta e seis mil na ría de Arousa (2,57€). En Celeiro descargaronse 40.000 quilos de pescada (4,62€) e en Burela 32.000 quilos de xurelo (2,80€).

Nos tempos do imperio romano

A xarda era xa coñecida no tempo do Imperio romano. As súas vísceras usábanse para facer o garum, o seu prebe preferido. Peixe dos azuis, anda en bandadas, péscase á rede e á cacea ou corricán. Prepárase aberta no forno, en lombos mariñados, afumadas ou simplemente fritas, con patacas e ensalada.

Rincha, cabala, verdel son algúns dos seus nomes. Hoxe a xarda ten moitos partidarios e hai moitas modas de poñela; en guiso de patacas, limpa, cortada en filetes e fritida. As máis grandes van mellor no forno, sobre un leito de patacas e cebolas xa douradas, pementos e tomates cun pouco de limón, segundo Fausto Galdo no Abecedario das Mantenzas. Alvaro Cunqueiro engádelle máis nomes á xarda, indicando que tamén se lle chama, macareu, virote e torno. Afirma o escritor que a cabala do verán excita o apetito carnal, escasamente nos homes, pero en alto grao nas mulleres. Segundo Cunqueiro, “as algo tímidas e agarimosas galegas volvense ousadas, enternecen ao marido que sorrí, e pasa o que pasa”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora