Moitas máis Vitaminas para o galego neste mes de maio

Moitas máis Vitaminas para o galego neste mes de maio

09 de Maio, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Alumnos e alumnas dos colexios e Institutos de Lugo recibirán nos vindeiros dias “Lapis para escribir en galego”, dentro da campaña “Vitaminas 17” que este mediodia se presentou na Casa do Concello de Lugo. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura Antón Bao suliñou a importancia de promover o idioma galego como “elemento de cultura, comunicación, tolerancia e respeito”.

Aproveitando a súa comparecencia, Antón Bao reflexionou acerca do papel que desempeñan os medios de comunicación na promoción do galego incidindo no feito de que “o futuro do galego pasa tamén nos medios de comunicación e nas novas tecnoloxías, pois xogan unha función de transmisión da lingua que antes exercíase dende a familia e o ensino. É precisamente nas novas tecnoloxías onde atopamos unha clave de futuro, pois os seus usuarios determinarán que a nosa lingua estea en uso e presente no mundo enteiro, ou quede relegada ao ámbito doméstico”.

Segundo Henrique Sanfiz (Radiofusión), “os lapis pretenden ser unha chiscadela de humor e ironía para propiciar a reflexión arredor da utilización da nosa lingua”. Alfonso Ribeiro (De luns a venres) indicou que segundo os dados do EXM, o 40% dos seus leitores teñen como primeira lingua o castelán, o que demostra “que a utilización do idioma galego non é en absoluto un obstáculo para chegar a todo tipo de públicos”.

Segundo indicaron os organizadores, “nestes momentos xa se sumaron á Vitaminas para o galego 29 medios de comunicación, o que é unha proba da receptividade da sociedade diante desta iniciativa”.

 

Vitaminas 17

 

Para conmemorar o Dia das Letras, o 17 de maio, os medios de comunicación de Vitaminas, organizan unha actividade expansiva “facendo fincapé na necesidade de medios en galego para prestixiar o idioma e garantir a súa transmisión interxeneracional”. Teñen elaborado un manifesto nese sentido que se pode consultar na web vitaminasparaogalego.gl e pretenden que o dia 16 de maio  se dea leitura ao manifesto en, ao menos, 17 escolas e institutos de Galicia, diante de 17 Casas dos Concellos, en 17 cidades de todo o mundo e que se traduza o manifesto ás 17 linguas máis faladas. Queren que todas esas leituras se graven en video e se envien ao enderezo manifesto@vitaminasparaogalego.gl

 

Festival en Carballo

 

A iniciativa presentouse esta mañá en Lugo e rematará o dia 16 co festival “Vitaminas para o galego”, organizado polo Concello de Carballo e que presentará a actriz e escritora Paula Carballeira contando coa actuación de María Xosé Silvar “Ses” e coa entrega do Premio de Artigos Normalizadores que este ano recaeu en Carlos Callón. Un representante de Vitaminas para o galego e máis o alcalde de Carballo Evencio Ferrero, darán leitura no acto ao Manifesto.

Cultura