Moito ánimo e sentidiño

Moito ánimo e sentidiño
14 de Maio, 2020 - 11:49 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos co alcalde de Fene, Juventino Trigo, da desescalada a nivel local. Responde que se fará sen presas e coa maior seguridade para todos.

ESCOITA O PODCAST:

Tele traballo

“Non temos unha presa excesiva porque os funcionarios e funcionarias do concello de Fene volvan ao traballo presencial. O tele traballo que realizan é bo ou moi bo. Todo está saíndo adiante, está funcionando”. Son as palabras do alcalde de Fene cando lle preguntamos pola des-escalada na administración local. Juventino Trigo afirma que non hai presa e que quizás o primeiro paso da des-escalada sexa solventar a atención ao público, un proceso para o que cada dia están saíndo normas. O concello está a facer unha avaliación de riscos para ver as medidas que se deben adoptar. Cita por exemplo a posibilidade de instalar pantallas nas oficinas de atención ao público, sinais horizontais e verticais nos diferentes departamentos e, por suposto, a vixianza da saúde dos traballadores, quen pode retornar e quen debe agardar máis tempo en tele traballo. Nese sentido, os traballadores e traballadoras municipais recibirán un correo cuxa información avaliarán posteriormente os médicos. “Estámonos preparando pero non temos presa” reitera Juventino Trigo.

Hostalería e comercio locais

A apertura da hostalería e do comercio local preocupan ao concello porque eles son un importante motor económico da zona. Entende o alcalde as dificultades dos hostaleiros para abrir nas actuais condición porque é rendible abrir un local con só duas ou tres mesas na terraza, por iso a maioría agarde polo seguinte paso, cando poda explotar tamén o interior dos locais. A prórroga dos ERTEs, afirma Trigo, deu unha tranquilidade ao pequeno autónomo que necesitaba. O concello deseña unha campaña de promoción do comercio local que beneficie a todos por igual, fuxindo das axudas directas. A maior preocupación do alcalde fenés era que a maquinaria municipal non se paralizase e "non o fixemos" afirma. "A proba foi que a semana pasada aprobamos o pago de facturas por un valor cercano aos 700.000 euros que supón unha boa  inxección de cartos aos autónomos da zona".

Por último, Trigo avalía positivamente o comportamento da maioría da cidadanía unha vez que temos maior liberdade de movemento pero chama a non precipitarse. As últimas palabras do alcalde de Fene nesta entrevista foron para desexar ánimo e pedir sentidiño.

Institucional

Publica o teu comentario agora