Moitos médicos recomendan “descansar” da píldora anticonceptiva, en contra da opinión dos expertos

Moitos médicos recomendan “descansar” da píldora anticonceptiva, en contra da opinión dos expertos

23 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Un 18% das españolas, o que supón máis de dous millóns de mulleres, atópanse en risco de ter un embarazo non desexado. Así o conclúe a VII Enquisa realizada polo Equipo Daphne, un grupo integrado por sete expertos de recoñecido prestixio no ámbito da xinecoloxía entre os que se atopa o galego José Luis Doval. O informe, financiado por Bayer, serve tamén para analizar o labor dos profesionais. Preto dun 40% das consumidoras d

Unha alta porcentaxe de facultativos españois continúan recomendando deixar de tomar a píldora cada certo tempo co obxectivo de “liberar” o corpo da muller das hormonas da medicación. O xefe do servizo de xinecoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense, José Luis Doval, asegurou en Radiofusión que esa práctica non se realiza en ningún outro estado do mundo porque “non ten ningún sentido desde o punto de vista científico”. O experto argumentou que hai que concienciar aos médicos de que están poñendo ás súas pacientes en risco de embarazo non desexado “sen ningunha necesidade”.

A VII Enquisa realizada polo Equipo Daphne rompe tamén con algún tópico, como o que se refire a irresponsabilidade da mocidade. Os datos indican que as mulleres novas son as que máis e mellor se protexen á hora de manter relacións sexuais. José Luis Doval considera que a distinta percepción social se debe a que as mulleres de máis de 35 anos deciden normalmente seguir adiante cos embarazos non desexados, mentes que as adolescentes optan na súa maioría polo aborto.

En canto ás preferencias de métodos contraceptivos, un 37% das mulleres apostan polo preservativo, mentres que un 20% utilizan a píldora. Os expertos coidan que hai que afondar na información sexual. O estudo indica que na última década se produciron grandes avances neste terreo, pero aínda un 18% das españolas, o que supón máis de 2 millóns de mulleres, se atopan en risco de ter un embarazo non desexado, ben por non usar protección ou por facelo de maneira incorrecta. O xefe do servizo de xinecoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense apostou tamén polo cofinanciamento dos métodos anticonceptivos porque, na súa opinión, o custe económico pode converterse, máis en tempos de crise, nun motivo para non utilizalos.

Sociedade