Monfero acolle o Grelo Folc

Monfero acolle o Grelo Folc

16 de Outubro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

Os muros do mosteiro de Monfero volverán vibrar un ano máis co Grelo Folc, o festival promovido pola asociación Ou Abordelo que se celebrará este sábado 18 de outubro. Con entrada libre e carpa para retar á choiva, desde as 22:00 horas subirán ao escenario Eudemónicas, Ataque Escampe, A Requinta da Laxeira e Trapallada, un cóctel explosivo con dose de música folk, indie e punk, con selo galego.

Para ir abrindo boca, desde a organización propoñen ao mediodía un xantar popular a base de «churrasco, chourizos, cachelos e viño a rebentar». Custará 12 euros e convén reservar nos teléfonos 679 251 163 ou 698 166 277, ou ben, mandar un correo electrónico a oabordelo@gmail.com.

A partir das 18:00 horas haberá actividades para nenos cun pequeno festival adaptado para eles: Nabiciña, «bailes e xogos musicais para a xente miúda».

Ao rematar, tocaralle a quenda a Troupelear, «un pouco bailar, un pouco cantar, un pouco tocar» coa integrante de Eudemónicas, Branca Villares, e Pablo Pintor.

Durante toda a tarde e ata que comecen os concertos, haberá xogos populares para todas as idades. Todo iso, no exterior do mosteiro.

Sociedade