A mostra de xénero Marxes e Mapas edítase en formato CD

A mostra de xénero Marxes e Mapas edítase en formato CD

16 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A mestura entre arte e novas tecnoloxías. Ese é o obxectivo do catálogo da mostra 'Marxes e Mapas, A creación de xénero en Galiza', unha exposición que permaneceu aberta ao público no Auditorio de Galicia entre outubro de 2008 e febreiro de 2009 e que agora os comisarios responsables da mesma plasmaron nun catálogo

 

A concelleira de Cultura de Compostela, Socorro García Conde, valorou o soporte dixital desta edición como "un xeito de familiarizar ao público coas novas tecnoloxías e adaptarse a novos formatos cos que os artistas máis novos xa están a experimentar". Asimesmo, explicou que se editarán novos catálogos en formato dixital con maiores posibilidades de interacción e que permitirán ir máis alá do tradicional catálogo de arte. Neste caso, o CD permitirá coñecer todo o proceso de construción da mostra, dende as traxectorias individuais de cada unha das artistas, incluíndo imaxes e textos analíticos das propias autoras ou de críticos de arte, ata o mesmo proceso de elaboración física da exposición. O director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, valorou que a iniciativa sobre todo ao tratarse dunha mostra exitosa e que atraeu a máis de 5.000 persoas. 

O catálogo conta con dúas introducións nas que os comisarios da exposición relatan as características, vontades e precedentes de Marxes e Mapas, e unha segunda, artellada expresamente para a exposición pola escritora María do Cebreiro, no que se realiza un percorrido pola literatura galega contemporánea en clave de xénero.

 

 

Cultura