Mugardos, os Andrade e Montefaro

Mugardos, os Andrade e Montefaro

23 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de trescentos anos durou o preito da cidadanía de Mugardos contra os monxes de Montefaro. O convento recadaba moitos produtos do campo e do mar en todo o territorio de Bezoucos pero tamén na Coruña e Ferrol. Todo comezou cunha doazón do rei Henrique II a Fernán Pérez de Andrade, o Bó

O mosteiro de Santa Catarina de Montefaro está en construción en 1392, segundo se reflexa nunha lápida situada á esquerda da entrada á igrexa. Fernán Pérez de Andrade impulsa a obra, coa autorización do arcebispo de Santiago. O Andrade fará importantes doazóns ao novo mosteiro, entre elas, a da vila de Mugardos co seu couto, xurisdicción e señorío. Exime dos impostos e serventías que lle pagaban a el os mugardeses, para que a partir dese momento llas deran ao mosteiro.

Esa doazón orixinará un preito dos habitantes de Mugardos contra os monxes de Montefaro, xa que os mugardeses querían liberarse da vasalaxe. Acusaban aos monxes de atropelos e tropelías. Negaban que os Andrade foran lexítimos propietarios e señores de Mugardos. A casa nobiliar doaría a Montefaro propiedades que non lle pertencian legalmente.

O feito é que o rei Henrique II, achándose en Burgos en 1371 , doa Ferrol, Pontedeume e Mugardos aos Andrade . Pero os monxes non atoparon o documento onde se recolle a cesión e non puideron demostrar a doazón. O preito resolveuse a favor de Mugardos, pero poucos anos antes da desamortización de Mendizabal, que xa implicaba a anulación dos privilexios eclesiásticos.

Sociedade