Mulleres co mundo na cabeza

Presentase ás 19:00h no Consello da Cultura Galega o documental dirixido por Encarna Otero
24 de Setembro, 2019 - 02:20 h. | Publicada por Radio Fene

“As mulleres co mundo na cabeza” é o título do documental, dirixido por Encarna Otero. Preséntase o martes 24 de setembro ás 19:00h en Santiago. A realización é do Grupo de traballo Imaxes e Voces (Encarna Otero Cepeda, Beatriz Pérez Mosquera, Teresa Navarro Quinteiro, Gema Zunzunegui Lamas) do Consello da Cultura Galega. A montaxe é de Manuel Gago.

Os camiños do monte foron, ao longo do tempo, os percorridos polos que as mulleres levaban as mercadorías ás vilas e feiras máis proximas. Na Costa da Morte, o monte Pindo, "o Pedregallo" como lle chaman as xentes que nel habitan, está labrado de pegadas, de historias, de risas, de contos, da vida destas mulleres carrexadoras, sempre co mundo na cabeza. Todas as mercadorías posíbeis circulaban por estes camiños: leite, queixos, ovos, peixe, patacas, verdura, sempre a pé, ás veces mesmo descalzas..., con frío, vento, auga, sol, xeada... (Foto de Ruth Matilda Anderson, das leiteiras do Pindo). Os testemuños de Olimpia, Marisa (a súa filla) e Marisa (a madriña) son algunhas das voces que, por milleiros, forman esa coral do mundo do traballo en feminino que tan ben capturou a máquina de retratar de Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes pola Galiza dos anos 1920-30.

A presentación do documental "As mulleres co mundo na cabeza" será hoxe ás 19:00h. Presentan o acto: María Xosé Porteiro, do Consello da Cultura Galega; Encarna Otero Cepeda, membro do grupo de traballo Imaxes e Voces e directora dodocumental e Marisa Vázquez Oreiro, protagonista do documental. Ao finalizar o acto haberá una actuación da cantora Alba María.

 Proxecto do Consello da Cultura Galega

Seguindo a liña traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega destinada á elaboración de vías e medidas que permiten pór en valor e dar visibilidade ás contribucións das mulleres á cultura galega e universal, Memorias de vida en vivo é un proxecto interdisciplinar encamiñado a recuperar testemuños, imaxes e voces de mulleres galegas que traballaron e viviron en tempos xa mudados e que hoxe son aínda memoria viva. A historia oral é unha forma de investigación imprescindíbel para coñecer persoas, relacións e aspectos da realidade social pouco investigados e que non deixaron pegada nas fontes ordinarias, máis abondosas nas pescudas académicas. As mulleres, polo xeral silenciadas e invisibilizadas, fan parte da historia; por iso a súa memoria se conxura como unha fonte viva e rica para coñecela en toda a súa amplitude. Cómpre recoller os seus testemuños antes de que desaparezan para así dar conta dunha realidade social que situoue sitúa a vida e o traballo de moitas mulleres como parte da economía chamada “informal”.

Cultura

Publica o teu comentario agora