As mulleres en marcha contra a crise

As mulleres en marcha contra a crise

07 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“As mulleres traballamos, as mulleres contamos. Non solucionaredes a crise a costa dos nosos dereitos”.   É o lema da Marcha Mundial das Mulleres diante do 8 de Marzo. A Marcha convoca unha manifestación mañá domingo ás 12 en Ferrol  para conmemorar o Dia da Muller.

Éra inevitable. A crise acapara este ano 2009 a conmemoración do 8 de marzo, Dia Internacional da Muller. O contexto da recesión preocupa especialmente ás mulleres porque, sen comelo nen bebelo, sempre resultan ser as máis perxudicadas.

O cambio de goberno en Galicia tralas eleccións do domingo preocupa á marcha mundial. Nese senso defenden que non se produzan recortes sociais.  Os datos están aí: de cada 10 pobres do mundo, 7 son mulleres. A MMM segue a reclamar un novo sistema económico , máis ao servicio das mulleres que do capital. A Marcha convocou manifestación nas cidades galegas. A de Ferrol sairá mañán domingo ás 12 da Praza Amada García e rematará no Cantón coa lectura do Manifesto.

Tamén o concello de Ferrol conmemora o Dia da Muller cunha Gala no Jofre mañán domingo. Entidades e particulares presentaron máis de 30 candidaturas para alzarse co primeiro galardón “Oito de Marzo”, instaurado polo Concello de Ferrol para recoñecer e pór en valor, no Día Internacional da Muller Traballadora, o seu papel na consecución dunha sociedade máis xusta, igualitaria e mellor. A entrega desta distinción celebraráse no marco dunha gala que promove o Concello de Ferrol no Teatro Jofre. Será precisamente o 8 de marzo, a partires das sete do serán.
Ese acto multitudinario estará guiado pola poeta e cantante Lucía Aldao, e contará coa actuación estelar do grupo Faltriqueira.

Sociedade