As mulleres fan Nación

A película estréase en salas no mes de marzo.
24 de Novembro, 2020 - 09:50 h. | Publicada por Radio Fene

A película de Margarita Ledo, Nación, recrea o traballo e a loita das mulleres a mediados do século XX na fábrica de louza Pontesa, na ría de Vigo. Poderemos vela en salas o próximo mes de marzo.

ESCOITA O PODCAST:

Temos que agardar ata o mes de marzo para ver nos Duplex Cinema de Ferrol a película “Nación” dirixida por Margarita Ledo. O 5 de marzo estrearase en salas de todo o país. De momento viaxa a Madrid para participar no Festival Márgenes, que da a posibilidade de que o filme se vexa alén do Atlántico. Ven de recibir o premio á Mellor dirección no Festival de Sevilla e hai uns dias estreouse no teatro Principal de Santiago, onde a directora recolleu o premio con que o certame Cineuropa recoñece «a súa infatigable loita pola memoria e o rol feminino na historia do noso país».

Nación narra a experiencia e a loita dun grupo de antigas traballadoras da fábrica de cerámica Pontesa erguida na ría de Vigo (Ponte Sampaio) en 1961 polo grupo Álvarez. Chegou a ter 1.100 empregadas no momento de maior apoxeo, nos anos 60 e 70. Pechou en 2001. Detrás de Nación hai moitos anos de documentación, explícanos Olaia Ledo que forma parte da equipa produtora da fita. “Quere contar a historia de mulleres cuxa profesión se ve truncada por un capitalismo feroz” afirma. Puido tratarse dunha conserveira, dunha fábrica téxtil ou dunha fábrica de tabacos.

A narración transita entre a poética, o documento e a reflexión histórica, que son tres piares que a directora xa incluíra previamente nalgún dos seus traballos. Imaxes históricas, ficción con actrices profesionais e testemuñas de mulleres que traballaron na fábrica, danse a man na película á que Mercedes Peón aporta o ambiente sonoro. É un anaco da historia do século XX en Galiza. Lembra e repara a historia dunhas mulleres que non só perderon un traballo e un salario de seu, senón tamén a independencia.

Afirma Olaia Ledo que “para nós acadar os dereitos que temos, antes houbo mulleres que o fixeron para elas e para nós. A nosa obriga é gañalos para o futuro”. Estas mulleres mostran as dificultades ás que se enfrontaron durante estes anos para acceder a un traballo asalariado e o que supuxo para elas o peche desta histórica fábrica. 

Cultura

Publica o teu comentario agora