Mundos etéricos

Mundos etéricos
04 de Marzo, 2020 - 02:02 h. | Publicada por Radio Fene

A pintora fenesa Rosa Salanova expón na casa "Mundos etéricos" . Por fin vese a súa obra na Casa da Cultura de Fene durante todo o mes de marzo. Inaugúrase o venres 6 ás 20h.

Os “Mundos etéricos” de Rosa Salanova amósanse neste mes de marzo na Casa da Cultura de Fene. O venres, 6 de marzo, inaugúrase na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura a mostra “Mundos etéricos”, da pintora fenesa Rosa Salanova. No acto intervirán tamén as escritoras coruñesas Ana Julia Martínez Fariña e Rosi Sarmiento. Ao remate do mesmo haberá un pase de danza oriental con veos a cargo de Silvia Escudero, da Compañía “Shakti Danza”.

Di Rosa Salanova, que “Mundos etéricos" é unha exaltación do meu Ser, que desexa expresar a través da arte os mundos sutís que habitan outros planos dimensionais, e que tamén forman parte da vida e representan a parte máis elevada da existencia”. A exposición poderá visitarse do 5 ao 30 de marzo na Casa da Cultura.

Sobre a pintora fenesa.

Pintora fenesa, Rosa Salanova comeza a súa formación artística no ano 1989 da man do recoñecido pintor galego Ricardo Segura Torrella co que estudou durante varios anos debuxo, pintura, acuarela e técnicas mixtas. Tamén estudou gravado na Fundación CIEC (Betanzos) e no Museo de Belas Artes (A Coruña). Participou en numerosas exposicións, tanto individuais como colectivas. A súa obra, amais de en España, amósase en diversos países como Estados Unidos, Marrocos, Italia, Francia, Cuba (Museo Bacardi), Colombia (Museo del agua, Museo de Arte Contemporá- neo La Huila) ou Arxentina (Claudio León Sempere). Entre os premios e recoñecementos que ten acadado, salienta o primeiro premio de grabado no Certame Museo Claudio León Sempere, (Bos Aires, Arxentina).

(No centro da imaxe, Rosa Salanova, no cine Adriano de Barallobre en 2019 con outras pintoras amigas)

Cultura

Publica o teu comentario agora