As murallas de Lugo defenden ás mulleres

Ferrol énchese de anuncios da folga do 8 de marzo
01 de Marzo, 2019 - 10:28 h. | Publicada por Radio Fene

Manifestación, xantar colectivo, manifesto e música compoñen o menú feminista do domingo 3 de marzo en Lugo. Os autobuses saen de Ferrol e Narón ás 9,30 da mañá. A viaxe de ida e volta custa 6 euros.

O domingo 3 de marzo, Galegas 8M convocou en Lugo a manifestación nacional previa á folga do 8 de marzo. Tres autobuses sairán completos da nosa comarca. E probablemente un microbus adaptado podería sumarse á flota feminista.  Para acudir a esa manifestación este domingo en Lugo, saen os autobuses ás 9,30h  dende Ferrol e Narón e retornarán ás 17,30h dende a cidade das murallas. Farán parada en Fene e en Vilar do Colo.

A manifestación deste domingo sairá ás 12:00, da Porta Falsa da Muralla e rematará sobre as 13:30 na Horta do Seminario. A presentación dos actos correrá a cargo da actriz lucense Ana Carreira, e de Cristina Lombao, traballadora da Radio Galega.  Alí leerase o manifesto elaborado colectivamente polas agrupacións e mulleres integrantes de Galegas 8M, e que se escoitará nas voces da escritora e activista María Reimóndez e da militante feminista María Osorio.

Despois virá o xantar colectivo, con postos de comida vegana e vexetariana, xestionados por mulleres de Lugo. Ademáis, están advertidos os locais de hostelería da zona para que teñan en conta o gran número de mulleres que acudirán a Lugo e estean preparados para atender a aquelas que prefiran comer nun sitio pechado.

Actuacións

Logo da lectura do manifesto teremos a oportunidade de escoitar e gozar da música e do baile das Batuko Tabanka, un grupo de mulleres caboverdiana afincadas en Burela. Tamén haberá tempo para as artes escénicas coa peza ‘Sororidade’, creada e representada por un grupo de teatro feminista formado por mulleres de Lugo e dirixida por Isabel Herrero. Por último, está preparada unha sesión de pinchada ‘femipower’ na que soarán temas feitos por mulleres de todo o mundo.

Sociedade

Publica o teu comentario agora