Núñez Feijóo: “A Xunta queda en Reganosa”

Núñez Feijóo: “A Xunta queda en Reganosa”

10 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

“Reganosa fica en Galicia”, resolveu o presidente Alberto Núñez Feijóo tras anunciar que o Consello da Xunta autorizou a adquisición preferente de accións para manter a galeguidade do capital na compañía. O Goberno quere compartir esa titularidade con empresas do país que decidan investir nunha enerxía que Feijóo cualificou de “limpa e eficiente”, vinculada a unhas infraestruturas que considera “prioritarias

Houbo outros acordos na sesión semanal do Executivo galego. As 400.000 persoas que residen na área metropolitana da Coruña aforrarán un 600 euros anuais en transporte público por usuario. Son os cálculos que manexou a Xunta para aprobar o convenio de implantación do novo transporte metropolitano, que abrangue 18 rutas polos municipios implicados: A Coruña, Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. A Xunta achegará o 80 por cento do investimento preciso para permitir o abaratamento dos billetes e os transbordos gratuítos na área referida. Explicábao así o presidente Alberto Núñez Feijóo.
 
Tal e como adiantara o martes, Feijóo confirmou a aprobación do Plan Revive para a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte. Subvencións para investimentos que superen os 200.000 euros e abaratamento do solo industrial para as empresas que escollan esa zona para facer negocio son algunhas das iniciativas que se sufragarán cos 25 millóns de euros que o Goberno reserva para este plan. Ademais, no capítulo empresarial, o titular de San Caetano oufanouse de que a súa administración rebaixou en 35 día o tope legal de pagamento a provedores grazas ao Sistema de Facturación Electrónica. 
 
O cotiá capítulo de aforro que o Presidente reserva para cada sesión do Consello correspondeu desta volta á unificación dos contratos de licenzas Microsoft de todos os departamentos autonómicos. Desta maneira a Xunta pensa aforrar un 37 por cento no pagamento á empresa informática e, con eses cartos, promover o uso de ferramentas ofimáticas de software libre, prometeu Núñez Feijóo.
 
Finalmente, o Executivo nomeou a Ethel Vázquez nova directora xeral de Infraestruturas. Vázquez, que viña exercendo a presidencia de Augas de Galicia, releva no cargo a Isabel Vila Barbosa, que cesou a pedimento propio por motivos persoais. Francisco Menéndez Iglesias ocuparase de agora en diante do organismo de augas e tamén da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos. 
Institucional