Na procura das mellores gangas

Na procura das mellores gangas

18 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O recinto feiral de Punta Arnela acolle esta fin de semana a segunda edición da Feira Stock Outlet, organizada pola empresa Mostra Nos. Nesta ocasión, os veciños e veciñas de Ferrolterra terán tres días -dende mañá ate o domingo- para visitar FIMO e facer as súas compras co atractivo que supoñen os importantes descontos nos prezos que se anuncian.

A roupa, o calzado e os complementos, serán os auténticos protagonistas desta segunda Feira Stock Outlet de Ferrol. De todos os xeitos, segundo asegurou a Radiofusión a xerente da empresa organizadora, Esperanza Piñeiro, “tamén haberá un apartado adicado ao fogar e outro á alimentación”.

Con respecto á primeira edición, nesta nova feira outlet que se celebra en FIMO, medra a participación dos comerciantes locais. Dos sesenta e dous expositores que se instalarán en Punta Arnela esta fin de semana, aproximadamente un terzo corresponden a establecementos de Ferrolterra. Os demais son de procedencia moi diversa.

A xerente da empresa viguesa Mostra Nós confía en que se acaden bos resultados nesta segunda Feira Stock Outlet de Ferrol.  Esperanza Piñeiro asegura que é unha boa oportunidade para que os comerciantes se desfagan dos productos que lles van quedando de tempadas pasadas, ademais de que os visitantes poden facer boas compras a prezos reducidos.

A feira abrirá as súas portas, dende mañá ate o domingo, en horario ininterrompido, de once da mañá a nove da noite. As persoas que a visiten terán que aboar dous euros en concepto de entrada.

 

Sociedade