Nadal Verde ofrece alugar e apadriñar unha auténtica árbore de Nadal para as festas

Nadal Verde ofrece alugar e apadriñar unha auténtica árbore de Nadal para as festas

03 de Decembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Semella que o Nadal cada ano dura máis. Sexa maior ou menor o espírito para afrontar estas datas, cómpre tentar polo menos sacar algo de proveito desa circunstancia e xa que logo actuar con previsión, evitando urxencias e emerxencias. Por exemplo, xa teñen árbore para o Nadal? Non? E se é así que pensan facer? Optar polos materiais sintéticos? Mercar e tirar porque non lles casa o exemplar coas plantas da casa e lles come metade do salón?

Nesta experiencia inicial, Nadal Verde só funciona na comarca de Santiago de Compostela, onde por unha tarifa única de 24 euros a empresa leva a árbore á casa ou oficina do cliente e cando rematan as festas pasa a recollela para que o vindeiro ano se poida volver alugar. Cando o exemplar xa medra tanto que non entra no salón, entón plántase definitivamente. Se as familias gustan dun exemplar concreto, por 5 euros máis (que axudan a sufragar os gastos de xestión das instalacións) ao ano seguinte Nadal Verde comprométese a entregar a mesma árbore, cunha tarxeta co nome que a propia familia decidiu poñerlle. No medio do ano envíase un correo electrónico cunha foto da árbore e co saúdo que esta queira facer chegar aos seus padriños.

Todas as árbores proceden de viveiros situados en Galicia. Sofren menos tempo de traslado e desta maneira o futuro resultado da súa plantación estará mellor asegurado. Con cada aluguer Nadal Verde comprométese a doar dúas árbores autóctonas (bidos, amieiros, salgueiros, castiñeiros, carballos, etc...)  a proxectos de restauración medioambiental ou centros de ensino. Con isto axúdase a manter a biodiversidade e a fomentar a demanda nos viveiros locais de planta autóctona.

Todo o detalle desta novidosa proposta pódese consultar no enderezo web www.nadalverde.com.

Sociedade