As nais botaban bicos desde os balcóns

As nais botaban bicos desde os balcóns
04 de Maio, 2020 - 11:44 h. | Publicada por Radio Fene

As nais de Fene saíron ás ventás para agradecer con bicos a felicitación que lles levou Protección Civil nun dia tan especial en pleno confinamento como é o Día da Nai. Os últimos aniversarios celebrará Protección Civil de Fene o próximo domingo.

ESCOITA O PODCAST:

As nais de Fene víronse sorprendidas onte cando sentiron na megafonía dos vehículos de Protección Civil que unha voz as felicitaba por ser o Día da Nai. Ao son da música de “Aí ven o maio” resoaron nas rúas da zona urbana e nas pistas da rural, esas felicitacións ás nais polos seus coidados e pola súa entrega incondicional.Segundo nos contan os membros de protección civil, Sandra Martínez, Fernando Lorenzo e Manuel Castro, a xente saía ás fiestras para botarlles bicos polo ar ou aplaudir ese xesto tan sentido a causa do confinamento e de non poder celebrar o día en familia.

A idea partiu dos membros de Protección Civil aos que a concelleira de Seguridade de Fene, Sandra Permui, felicitou publicamente esta mañá en Radio Fene pola iniciativa do Día da Nai e polo labor desenvolto por eles nestes dous meses. Precisamente hoxe van felicitar dous novos aniversarios, os 45 anos de Montse de Fene e os 21 de Alba de San Valentín. Mañá día 5 felicitarán os 86 anos a un home de Perlío, á súa vez pai dun dos membros de Protección Civil. O domingo día 10 de maio acabáronse estas felicitacións que tanto agradeceron os veciños e veciñas, maiormente os pequenos e pequenas, porque empeza a fase 1 do desescalamento e xa poderemos xuntarnos. En nome de Protección Civil de Fene, Manuel Castro, quixo facer unha lembranza dun compañeiro de Arzúa, Bruno García, que faleceu estes días.

A corporación de Fene vai celebrar este primeiro xoves de maio un pleno a través da videoconferencia. Será a sesión ordinaria e comezará ás seis da tarde. Dentro duns días coñeceremos as novas medidas, afirmou Sandra Permui, quen precisou que as pistas polideportivas permanecen pechadas, en vista de que a xente puido saír a facer deporte e pensou que podía usalas. Non de momento.

(Na imaxe, unha nai aplaudindo a Protección Civil desde a súa casa de Limodre)

Sociedade

Publica o teu comentario agora