Narón acolle a primeira representación do ano de “Un cranio furado”

Narón acolle a primeira representación do ano de “Un cranio furado”

20 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un dos espectáculos máis relevantes do teatro galego en 2010, “Un cranio furado”,  comeza mañá en Narón a súa extensa xira 2011. A obra dirixida por Quico Cadaval represéntase mañá venres, ás 20:30h e o sábado ás 20:00h, no Pazo da Cultura naronés. Despois de Narón, a peza teatral visitará no primeiro semestre Muros, O Barco, A Coruña, Pontevedra, Burela,

Todo acontece nun cemiterio, onde o horror que se albisca na penumbra está sempre compensado polo humor, sorprendente, feroz, que se aparece tamén naqueles contos galegos que se contaban no outono a carón dos cabazos furados que os cativos transformaban en cranios para asustar ós camiñantes na noite. O enterrador local, Mick, ten que trasladar os restos da súa esposa, morta sete anos atrás de accidente de tránsito. Mais hai moitos que pensan que non foi un accidente. Entre eles, Tom, un policía local e Mary-Johny, que prefire non dicir nada, porque aínda é media prima do coveiro. Aínda hai un rapaz, confundido pola vida nocturna, que serve de axuda ou de estorbo a Mick, o sospeitoso. 

Trátase dunha obra moderna, comercial, divertida, escrita por un explosivo e novo autor anglo-irlandés nos anos 90, Martin Mc Donagh, que tiña tanta vontade de provocar o tradicional mundo irlandés que herdaba como horrorizar ó requintado público urbano londinense. 

O elenco de actores confórmanno Dorotea Bárcena, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Santi Romay.  

Non é unha peza de terror, non é un policial inglés, non é unha serie de TV de forenses, non é unha festa dos Defuntos... mais ten un pouco de todo.

Cultura