Narón celebra esta fin de semana a novena Noite da Luz

Narón celebra esta fin de semana a novena Noite da Luz

11 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Trátase dunha festa de carácter simbólico coa que se pretende chamar a atención sobor da importancia da protección, valorización e conservación do patrimonio cultural. A xornada, que se celebrará na parroquia de Sedes, comezará coa saída dunha comitiva dende a capela de Santa Lucía, na Feira do 13, ata o Monte Esperón.

Coma todos os anos, no cumio do monte prederanse doce fachos de máis de dous metros de altura e dispostos a modo de círculo,  e outro no medio de cinco metros, como “símbolo das trece parroquias do Concello e do seu compromiso coa defensa do noso patrimonio”.           

Ademais dos propios veciños e veciñas de Sedes, este ano participarán na Noite da Luz os de Pedroso, Doso e O Val, ademais dunha representación doutros concellos como Neda e Lugo.            

A festa comezará mañá sábado, ás seis do serán, coa concentración dos asistentes na Feira do Trece. Ás seis e media sairá a comitiva da luz cara o Monte Esperón e media hora máis tarde procederase ao acendido dos fachos xigantes. A xornada completarase cun caldo comunitario en “Aldea Nova” e unha velada parateatral e musical no Centro Cívico Social, a partir das oito e media.

Sociedade