Narf e Manecas Costa inauguraron en Ferrol o ciclo de Músicas Portuarias

Narf e Manecas Costa inauguraron en Ferrol o ciclo de Músicas Portuarias

04 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Non hai mar sen porto, nin porto sen taberna, nin taberna sen canción". En Ferrol están convencidos da veracidade deste lema e para demostralo poñen en marcha a terceira edición do Ciclo de Músicas Portuarias na que prometen “sons mariñeiros que cheiran a historias, ribeira e peixe”. O Teatro Jofre acolleu a pasada noite o primeiro dos concertos: Aló Irmao, o proxecto conxunto do galego Narf e o guineano Manecas Costa.

No mesmo escenario actuará a valenciana Artaica o día 10 e, unha semana despois, farao a artista Franca Masu, de Cerdeña. As entradas están á venda ao prezo de 10 euros no Punto de Información Cultural e mesmo na páxina www.ferrol.es/jofre.

O ciclo de Músicas Portuarias completarase cunha serie de actividades paralelas. Unha das iniciativas previstas son os Paseos Musicais pola Ría con dúos locais tocando a bordo. O primeiro púxose en marcha onte e repetirase a experiencia os sábados 10 e 17.

Por outra banda, o venres 16 terá lugar o Circuíto de cantos tabernarios, unha proposta que xa se celebrara o pasado ano e que percorrerá as tabernas e bares de Ferrol Vello ao son das cancións orixinadas a carón dos peiraos. Nesta actividade participarán varias cuadrillas que pasarán polas tascas máis lendarias do barrio interpretando habaneras, rumbas, foliadas, valses ou pasodobres. Ademais de música, as tabernas tamén acollerán relatos mariñeiros, tal como demostrará Cándido Pazón o venres día 9.

Sociedade