Navantia asina un convenio co Concello de Fene

Navantia asina un convenio co Concello de Fene

16 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Fene Iván Puentes manifestou que a asinatura desta mañá materializa unha aspiración da Corporación de hai moitos anos. Diante da escola infantil habilitaráse unha zona de aparcamento ocupando a parcela triangular que pertencía a Navantia. No antigo ambulatorio de San Valentín instalaránse as dependencias dos Servizos Sociais do Concello de Fene.

O convenio recolle a cesión á institución municipal dunha parcela situada fronte á escola infantil da Torre en Perlío, e dos baixos do antigo ambulatorio de San Valentín. A cesión dos terreos da Torre permitirá mellorar o acceso á escola infantil e habilitar un aparcamento na zona. Nos baixos das vivendas de San Valentin instalaránse as dependencias dos Servizos Sociais do Concello de Fene, e mellorar a atención aos cidadáns, segundo indican dende a institución municipal.

O presidente de Navantia tamén falou esta mañá da carga de traballo do estaleiro de Fene. Aurelio Martinez precisou que unha cousa é o que se ve nas gradas e outra a actividade interior nas naves. O nivel de ocupación é moi elevado na factoria de Fene, segundo expresou esta mañá Aurelio Martinez.

Aurelio Martinez non se quixo extender máis sobre aspectos economicos ou organizativos de Navantia. Indicou que non desexaba restarlle importancia ao acto de asinatura co convenio co Concello de Fene.
Polo que se refire á senda litoral que unirá San Valentin con Barallobre polo perímetro de Navantia, Iván Puentes salientou que o estaleiro xa precisou a tipoloxia de valado que debe colocarse. Agora o Concello e Costas deben definir o proxecto, concretar os terreos que debería ceder Navantia para facer posible esa comunicación peonil dende As Pias ata a praia do Carril.

Sociedade