Neda respalda aos estaleiros da ría

Neda respalda aos estaleiros da ría

05 de Marzo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Neda leva hoxe a pleno unha proposta de apoio ás demandas de carga de traballo dos traballadores dos estaleiros. Ignacio Cabezón mantivo onte un encontro co comité de empresa de Navantia Fene e Ferrol, aos que trasladou o seu respaldo. Decidiu incluír na orde do día da sesión extraordinaria de hoxe unha proposta que busca a unanimidade de todos os grupos políticos e que será trasladada á Xunta de Galicia e ao Goberno central.

No encontro mantido cos presidentes dos comités, o rexedor nedense trasladoulles o seu respaldo pechado ás súas demandas de carga de traballo para os estaleiros da ría. É máis, durante o transcurso da reunión, Ignacio Cabezón comprometeuse a incluír unha proposta de adhesión ás súas reivindicacións na orde do día do pleno extraordinario que se celebra hoxe en Neda. Con toda seguridade haberá unanimidade dos grupos políticos ao redor destas demandas e avanzou que o acordo plenario se trasladará á Xunta de Galicia e ao Goberno de España.

Entre estas demandas do naval está dar cumprimento inmediato aos compromisos pendenes cos estaleiros, como a construción da sexta fragata ou buque similar para a Armada Española e a construción do Dique flotante, cuxa obra permitiría
unha ocupación practicamente inmediata para preto dun milleiro de traballadores durante uns dous anos.
Por último, o alcalde de Neda comprometeuse tamén a informar os veciños-as, institucións e asociacións da localidade do resultado da sesión plenaria na que se aprobará o respaldo ás reivindicacións dos traballadores.

Sociedade