A neve condiciona a participación no I Foro da Dependencia organizado polo Concello de Guitiriz

A neve condiciona a participación no I Foro da Dependencia organizado polo Concello de Guitiriz

06 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O I Foro sobre a Dependencia de Galicia sobrepúxose ao temporal de neve e comezou hoxe en Guitiriz. Sen embargo, o mal tempo deixou a súa pegada en forma de ausencias, xa que cerca de un terzo do aforo previsto non acudiu á Casa Habanera por culpa do mal tempo que asola estes días á Provincia de Lugo.

Os encargados de abrir esta xornada, que se desenrolará ao longo de todo o día de hoxe, foron a Delegada Provincial da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, Branca Rodríguez Pazos, o Director Provincial do SERGAS, José Luis Rodríguez López, e Regina Polín, alcaldesa de Guitiriz.

Foi precisamente esta última a que abriu a quenda de intervencións destacando a importancia que este foro ten para a sociedade en xeral, xa que “todos coñecemos a algún dependente ou somos susceptibles de selo algún día”. Por elo considerou que a administración autonómica está “dando pasos par mellorar a calidade dos dependentes”. A edil socialista fixo un chamamento para que “todos nós colaboremos para mellorar o día a día dos dependentes, mediante a maior concienciación nesta problemática da xente e das asociacións ”. Por último amosou a disposición do Concello para a celebración dunha segunda edición “que podería ser no segundo semestre do 2009 ou no 2010”.

A Delegada Provincial de Igualdade e Benestar, Branca Rodríguez Pazos, salientou a importancia dos servizos sociais nas políticas públicas, que responderon á “especial dedicación aos dependentes”, a pesar de que en “3 ou 4 anos non se pode facer un sistema para regulalo, nin equipamentos físicos”, aínda que afirmou que “estamos no camiño, pois o que pretendemos é que a xente estea ben atendida e con recursos para elo”.

Pola súa banda, o Director Provincial do SERGAS, José Luis Rodríguez López, expuxo que “existen moitos tipos de dependentes, como accidentados, poboación envellecida... pero os grandes esquecidos son os enfermos mentais, que tamén precisan de atencións e coidados”. Para que este fragmento da poboación, que , segundo el, “pode alcanzar ao 9% da poboación española”, non pase sufrimentos, “todos debemos colaborar, tanto Consellerías, como asociacións, como particulares”.

Tras esta presentación, o Foro comezou co relatorio impartido pola propia Delegada de Igualdade e Benestar, Branca Rodríguez, que falou do Sistema Galego de Benestar. A segunda das intervencións da mañá correu a cargo de Míguel Angel Vázquez Vázquez, Presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, que centrou o seu discurso nas necesidades sociosanitarias.

A xornada de tarde contará como temas principais coa análise do Movemento Asociativo en Galicia, a cargo de Cermi-Galicia, e das residencias e Centros de para Persoas en Situación de Dependencia a través da experiencia de Geriden, o encargado do texto será o Director Xeral de Geriden, D.Benigno A. Maújo Iglesias.

Ao remate do coloquio terá lugar a clausura do Foro e a entrega de diplomas a cargo da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín e do Presidente de G.D.R. Terra Cha, David Díaz Losada.

Cine no Concello

O Concello de Guitiriz organizará unha serie de proxeccións de películas durante todo o mes de febreiro no telecentro da vila O horario dos films será de 17:00 a 19:00 horas da tarde.

Todos aqueles que queiran asistir poderán ver mañá "El árbol, el alcalde y la mediateca", “Un lugar en el mundo” o 14 de febreiro, “Erin Brockovich” o 21, e “Paisajes Transformados” o 28 de febreiro

Sociedade