Nin escravas nin princesas

Nin escravas nin princesas
08 de Marzo, 2024 - 05:04 h. | Publicada por Radio Fene

Cunha batucada rematou este mediodía o programa en directo emitido por Radio Fene desde o salón de sesións da Casa do Concello. Mulleres falaron da igualdade de xénero nun espazo seguido en directo por moito público entre as once e as doce da mañá. Nin princesas nin escravas foi o lema dun programa no que se reclamou máis compromiso contra a violencia machista. 

ESCOITA O PODCAST:

Programa de Radio Fene sobre o Dia da Muller:

http://173.255.131.18/audio/080324MULLER.mp3

Das mulleres de onte, das de hoxe e das de mañá falouse esta mañá no programa de Radio Fene realizado desde o salón de sesións da Casa do Concello de Fene. Unha iniciativa da concellería de Benestar Social que contou coa presencia de moito público. 
A mocidade dispón de máis información, pero hai máis defensa do patriarcado. A profesora do Instituto de Fene Navia Rivas denunciou que detecta pensamentos machistas conscientes en sectores da adolescencia. Rivas destacou a importancia da materia de Valores Éticos onde se afonda na necesidade da igualdade de xénero. Para o enriquecemento persoal é moi importante.
Ledicia Trillo, en representación da ANPA de Centieiras queixouse tamén do problema social que representa a banalización da violencia e do acceso doado á pornografía. Agora os fillos e fillas non teñen conciencia da importancia de loitar pola igualdade
A directiva da ANPA da Jorge Juan María Torrente reclamou máis educación sexual nas familias, nas casas. Apuntou que o acceso á pornografía se produce a partir dos dez anos. A rapazada ten que ver que o seu pai e a súa nai son iguais, que non hai diferencias nas tarefas do fogar, que hai unha corresponsabilidade real.  Falta moito tamén para a participación nas ANPAS. A maioría son mulleres e hai pouca implicación dos homes.
A alumna do Instituto Claudia Moreira lanzou unha mensaxe optimista a pesar dos contidos que chegan a través das redes sociais. Ela vai ser unha muller científica. Na materia de Valores Éticos traballaron moito a problemática da igualdade. É difícil suspender esa materia, pero hai xente que a suspende. Claudia Moreira. 
Nas asociacións hai unha maior igualdade pero hai diferencias á hora de conciliar a vida familiar e a vida asociativa. En Maniños os homes fregan as potas e asumen todo tipo de traballos. As mulleres tiran do carro, explicou a directiva de AETNA María Jose Garcia
Nove na dirección. Sete mulleres e dous homes. En Barallobre, gañamos indicou a presidenta da Liga de Amigos de Barallobre Josefina López. Detecta que poucas veces os homes collen a fregona para limpar o local. 
Nove. Catro homes e cinco mulleres. Esa é a distribución na directiva da Sociedade Agarimo de Sillobre.  Eva Fraga detecta que agora hai mulleres que son socias titulares e como beneficiarios os restantes membros da familia.
O movemento asociativo está transformándose. Temos que des-aprender indicou a tesoureira da Asociación Veciñal de Limodre Ana Santiago. Cando as mulleres deciden participar, van con todo. Non me felicites, protesta comigo, dixo na lectura do Manifesto institucional do Concello de Fene neste Dia da Muller. 
Hoxe a cidadanía trata con respecto a unha muller con uniforme. Pero, as forzas de seguridade carecen nos Concellos pequenos de ferramentas para detectar a violencia machista. Están limitados, segundo a policía local de Cabanas Isabel Rodríguez. 
As mulleres temos que estar organizadas todo o ano para poder acabar co patriarcado, co machismo, coa violencia de xénero e coas guerras. Julia López Pereiro da Marcha Mundial das Mulleres gabou ás mulleres da limpeza de Lugo e lembrou que esta tarde sairá unha manifestación do edificio da Xunta de Galicia  na Porta Nova de Ferrol. Fixeron fincapé na necesidade de organizarse as mulleres ao longo de todo o ano .
Economicamente é un problema grande plantarlle cara á violencia machista. A principal recomendación é pedir axuda. "Nunca lle quitei ás miñas fillas de ver ao seu pai" afirmou unha muller vítima de violencia que participou esta mañá. Ela foi vítima de acoso psicolóxico durante moito tempo, pero non quixo denunciar esa situación. 
Xuntas e organizadas somos máis fortes. Todos os dias as mulleres deben loitar pola igualdade, indicou este mediodía a concelleira de Benestar Social de Fene Sandra Permui. 
Foi un orgullo ver o salón de plenos da Casa do Concello de Fene cheo de mulleres interesadas na problemática da igualdade. Ana Santiago deu lectura ao manifesto institucional do Dia da Muller. A Marcha Mundial das Mulleres interpretou unha batucada para poñerlle o ramo ao programa promovido pola concellería de Benestar de Fene.
 

Sociedade

Publica o teu comentario agora