Ninguén cre que Toribio fora o culpable

Ninguén cre que Toribio fora o culpable
07 de Novembro, 2020 - 06:29 h. | Publicada por Radio Fene

"Ninguén das Grañas cre que fora Toribio o autor do crime cometido o 23 de novembro de 1900 na casa reitoral porque el lle tiña aprecio á criada do cura, que lle tiña dado de comer" afirma Xesús Pardo Novás, "Cefucho".  Na versión coincide Hixinio Puentes, escritor e autor do libro "O bandido Casanova". 

Toribio ferido de bala no cárcere de Santa Marta tras unha captura

A taberneira María Vispo tíñalle rabia ao cura das Grañas do Sor en Mañón, pois non lle deixaba coller auga nun pozo. O motivo era que ela vivía arrexuntada cun primo. Logo veu o problema da feira. Ela non quería que lla levaran diante da porta da taberna pero o dono do campo -Mamede Barro- valeuse do seu amigo o crego para que a celebraran na Aguieira e o alcalde deu orde de facelo así.  Ao concelleiro Secundino de Lobo tamén lle amolaba que un cura e un terratenente se saísen coa súa. O viño fixo o resto. Xunto con outras persoas destemidas, que non tiñan siso dabodo e outras dúas traídas de Mera e das Somozas para axudarlles entraron na noite do 23 de novembro na reitoral para darlle un bon susto ao cura. Por un furado que abriron na parede entraron ao menos cinco dos dez que chegaron alí. Houbo tiros e o sacerdote liscou por unha ventá. Leváronlle preto de dúas mil pesetas e logo decidiron matar á criada para que non os descubrise. Subiron ao sobrado Lourenzo Balseiro e Toribio, que era o máis novo deles. O que levaba un revólver do calibre 12 pegoulle dous tiros a Manoela Dominguez, quen caeu ao chan coas mans xuntiñas suplicando pola súa vida. Os xuízos foron longos e sonados. Rematouse con catro cadeas perpetuas e unha pena de morte para Toribio. Cando o asalto, o rapaz xa coñecía ben o cárcere de Ortigueira, de estar por alí catro ou cinco veces. En dúas ocasións fugouse e volveu tola á Garda Civil. En 1928 saíu en liberdade, o que foi o bandoleiro galego con máis sona do século XX, Mamede Casanova "Toribio". 

Sociedade

Publica o teu comentario agora