No centenario das Irmandades da Fala

No centenario das Irmandades da Fala

01 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

"Sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal" afirmaba Antón Vilar Ponte, un dos fundadores en 1916 das Irmandades da Fala, movemento que tiña como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia. 

Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo de intelectuais galeguistas alí establecido, realizou un chamamento dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega en 1915. En 1916 Antón Vilar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e comezou unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego e en marzo publicou o folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional, no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega.
A proposta foi ben acollida por diferentes sectores ideolóxicos, aínda que serían dúas as tendencias principais, a de orixe tradicionalista de Antón Losada Diéguez e a liberal demócrata.
O 18 de maio de 1916, Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy, Xenaro Moreda ou Ramón Vilar Ponte. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galicia, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro.
Deseguido constituíronse diversas agrupacións locais, comezando pola de Santiago de Compostela, o 28 de maio dese mesmo ano de 1916, presidida por Luís Porteiro Garea[2], e seguida polas de Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense ou Vilalba
Sociedade