Noa quere despedir a 78 traballadores

Noa quere despedir a 78 traballadores
30 de Abril, 2020 - 10:03 h. | Publicada por Radio Fene

A empresa Noa Madera Creativa presenta un ERE extintivo a 78 traballadores da fábrica de Vilar do Colo. Os despidos chegan en plena alarma sanitaria con pouca marxe de movilización. A fábrica está aberta neste momento e co plantel traballando. 

ESCOITA O PODCAST:

Unha situación complicada están vivindo os traballadores de Noa Madeira Creativa no polígono de Vilar do Colo en Fene. Desde que o grupo MALASA se fixo coa empresa non pararon de sucederse os problemas. Neste momento, en plena alarma sanitaria polo Covid19, a dirección volve a intentar implantar o seu modelo, en palabras do presidente do comité de empresa, Marcos Díaz, un modelo laboral en precario, recurrindo a empresas de traballo temporal e falsos autónomos e eliminando aos empregados con contrato fixo e representación sindical. O pasado xoves 23 de abril a empresa presentou un ERE a 78 traballadores e un ERTE aos restantes. Non hai nomes de despedidos pero si das seccións de traballo afectadas, sendo o ERTE para carpintería e o ERE para loxística e metal. As causas, explica Marcos Díaz, son as mesmas que veñen denunciando desde a compra da empresa polo grupo MALASA. “Agora non se conforman con presentar un ERTE como fixeron outras empresas e aproveitan a situación de crise sanitaria para liquidarnos, despedindo a boa parte do plantel,” declara Díaz. Infórmanos que neste momento están agardando a que se xunte a mesa negociadora e pouco máis porque nesta situación, conclúe, non hai moito marxe de movemento ou mobilización. Hoxe remata o prazo para comunicar oficialmente estas medidas aos membros da mesa negociadora. A próxima semana reuniranse cos portavoces municipais para solicitar o seu apoio.

 

(Na imaxe, traballadores de Noa en novembro de 2018 cando a empresa anunciara un ERE )

Sociedade

Publica o teu comentario agora