Noitarega conmemora cun novo disco os seus 21 anos de traxectoria

Noitarega conmemora cun novo disco os seus 21 anos de traxectoria

21 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Noitarega, unha das bandas lendarias dentro do panorama da música tradicional galega, apostou por un novo disco como forma de conmemorar os seus 21 anos de existencia. XXI, así se titula o álbum, que inclúe 20 temas gravados nos Estudios Muu de Vigo baixo a produción de Pedro Feijoó. Destacadas son tamén as colaboracións do disco, entre as que se atopa Anxo Pintos (Berrogüetto), Ernesto Campos, Xaime Est&

Noitarega nacía en 1989 da man de Xosé Oliveira, Fernando Costas e Xosé María Gutiérrez, aos que na actualidade se uniron Telmo Costas e Manuel Alonso. Un quinteto que pode presumir en dúas décadas de andaina, de recoller numerosos premios, como os do Concurso Folclórico “Sementeira” de Cambre ou o Concurso de Gaitas de Ponteareas, ofrecendo innumerables actuacións tanto por toda a xeografía galega e española (Auditorio Caixanova de Vigo, Festival Internacional de Mérida, Expo 92 de Sevilla, Casa de Galicia de Madrid, Palau de Congressos de Montjüic de Barcelona, etc.), coma en Francia (Burdeos), Portugal (Lisboa) ou mesmo nos Estados Unidos (Nova York, Nova Jersey ou Connecticut). Ademais, deixan compartido escenario con artistas da talla de Berrogüetto, Luar na lubre, Xosé Manuel Budiño ou Susana Seivane.

Despois de Noitarega (1993) e Os Nosos Gaiteiros (2000), a banda volve neste 2010 con XXI, onde continúan xunguindo o sabor do tradicional con novas e rechamantes opcións instrumentais e interpretativas, todo isto logrado grazas a unha base instrumental netamente autóctona (gaita, zanfona, tamboril, bombo, pito pastoril, requinta, tarrañolas, culleres, pandeireta, ferriño, pandeiro, etc.) e realizando uns arranxos totalmente anovadores, como a combinación de gaitas en diferentes tons, zanfona con pito e requinta ou misturas de diferentes aparellos percusivos.

Noitarega presentaron ao longo do verán este terceiro álbum en concerto. A vindeira ocasión para velos ao vivo será en Vigo o 12 de novembro.

Cultura