Non houbo piedade

Non houbo piedade
20 de Outubro, 2019 - 10:51 h. | Publicada por Radio Fene

O Cultural Maniños non tivo piedade co Numancia de Ares en partido de fútbol da Segunda Galicia xogado no campo do Pote. O equipo adestrado por Pablo Mesa venceu por un contundente tanteo de 5- 0.

Cultural Maniños. Segunda Galicia de fútbol

O CULTURAL MANIÑOS NON TIVO PIEDADE DO NUMANCIA DE ARES

CULTURAL MANIÑOS 5-0 NUMANCIA DE ARES
En sesión de tarde o campo de O Pote acolleu un partido clásico da ría. Maniños e Numancia medían as súas forzas ante numerosos afeccionados de ambos os equipos que acudiron a presenciar o encontro. Na primeira metade, dominio do balón por parte do conxunto de Pablo Mesa. Borja Vizoso abría o marcador co 1-0 ao cuarto de hora de xogo. Antes, Dani Espiñeira marchábase lesionado nos aresans, do mesmo xeito que Alberto Permuy antes do descanso. Mellores sensacións e vantaxe pola mínima para o Maniños ante un Numancia desafortunado ao termo dos primeiros 45 minutos de xogo. Na segunda parte, os de Ares buscaron o empate no seu comezo, ata que no minuto 66, Alex Grueiro facía o 2-0 no primeiro penalti da tarde. Noutra pena máxima, Pablo "Pitu" facía o 3-0 sentenciando o encontro cando restaban 20 minutos para o final do mesmo. O Maniños pechou o resultado en dous minutos de gran acerto. Así no 78 facía o 4-0 Aitor Hermida. Un minuto despois, Dani "Fuguillas" establecía o 5-0 definitivo no marcador. Nos últimos minutos o Numancia quedaba con 10 xogadores debido á expulsión de Rubén Allegue quen vía o cartón vermello directo. Tres puntos que lle dan ao Cultural Maniños a clasificación virtual para o grupo principal da categoría. Na próxima xornada, os de Pablo Mesa visitarán O Xestal, campo de xogo do Monfero Cf.

Deportes

Publica o teu comentario agora