Non pares a túa vida...

Non pares a túa vida...

22 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo este lema, a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste ultima os preparativos das II Xornadas de Portas Abertas adicadas a estas dúas patoloxías e centradas nesta ocasión nos beneficios do exercicio físico. O encontro celebrarase o vindeiro sábado no salón de actos do Vicerreitorado do Campus de Esteiro (Ferrol) e contará coa participación de destacados especialistas no tema.

O Dr. José Alegre Marín, coordenador da Unidade de Fatiga Crónica do Hospital Universitario Val de Hebrón de Barcelona, será o encargado de impartir a primeira das conferencias destas II Xornadas de Affinor. Falará sobre o “Impacto do Síndrome de Fatiga Crónica e Fibromialxia no 2009”. A continuación tomará a palabra o profesor universitario e coordenador da Unidade de Exercicio e Saúde da USP-Santa Teresa, D. Manuel Giraldez García, para falar sobre “o exercizo físico no síndrome de fatiga crónica”.

Xa pola tarde, tamén o sábado, intervirán a xerente da empresa “Inspiracción”, Eva María Pérez, para presentar a denominada “ximnasia hipopresiva” e, por último, a terapeuta ocupacional e colaboradora de Affinor, Ana López Fraga, cun relatorio sobre “o papel da terapeuta ocupacional en persoas con fibromialxia”. Ao remate da xornada, presentarase a nova web e o blog de Affinor.

As segundas Xornadas de Portas Abertas da Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste están dirixidas a profesionais sanitarios, enfermos e público en xeral. Segundo a presidenta da entidade, Montserrat Porto, na actualidade estímase que hai máis de trescentas persoas afectadas por calquera destas dúas patoloxías na comarca.

Sociedade