Non vale todo nos voluminosos

Non vale todo nos voluminosos
20 de Abril, 2020 - 11:05 h. | Publicada por Radio Fene

Fene reanuda a recollida de voluminosos coa idea de encetar unha campaña informativa ao respecto mesmo remate a alarma sanitaria. Non se poden depositar na rúa de calquera maneira todo tipo de resíduos, afirma a concelleira Mar Piñeiro.

ESCOITA O PODCAST:

O concello de Fene volveu coa recollida de voluminosos. Este tipo de enseres débense depositar ao pé dos contedores os martes á noite na zona urbana e os mércores á noite no resto das parroquias. É moi importante a palabra noite porque é xusto o momento no que debemos depositar ese tipo de enseres para que non queden na rúa unha semana máis por chegar tarde. A concelleira de Obras e Servizos, Mar Piñeiro, explicou esta mañá en Radio Fene porque se suspendeu o servizo ao comezo da crise do Covid19. “Ao principio da crise suspendeuse temporalmente, a través dun bando municipal, co obxecto de proceder á limpeza dos contedores” porque como é sabido este tipo de residuos deposítase ao lado dos 864 contedores do lixo común. Pero debido o aumento de voluminosos durante o confinamento, houbo que volver a activar a súa recollida.

Campaña voluminosos

Adiantounos a primeira tenente da alcaldia de Fene que en canto pase a alarma sanitaria, a súa concellería emprenderá unha campaña informativa sobre a recollida de voluminosos porque é evidente que a veciñanza, ou non entende ben que son os voluminosos ou hai quen non respecta os días da súa recollida. É moi frecuente ver nas rúas e estradas de Fene, rodas, restos das podas, cascallos de obras e uralitas, sen ser ningún destes artículos considerados entre os voluminosos. Que pasa con eles? Pois que o concello ten que xestionalos polas vías correctas e legais e iso é moi complexo e máis caro, ademais de complicar e atrasar o traballo dos operarios que se ven na obriga de seleccionar. Por exemplo, dí Piñeiro, a uralita é un material moi perigoso que ten os seus trámites e debe ser tratado por especialistas. Os cascallos tennos que retirar a empresa que fixo as obras, e así sucesivamente. Residuos que son considerados voluminosos, explica Mar Piñeiro, son en xeral os electrodomésticos como unha neveira ou un microondas, e tamén o mobiliario, unha cama ou unha butaca. Cando acabe esta crise, Fene lanzará unha campaña informativa para este tipo de residuos. O plan desta concellería inclúe tamén a limpeza mensual dos contedores verdes; construírlles alí onde falta unha base de cemento para asentalos e por último unha campaña de desratización xeral.

Novas obras

Por outro lado Piñeiro adiantou que, tras a apertura de novas actividades económicas decretada hai uns días polo goberno central, Fene poderá empezar a executar determinadas obras na vía pública. Empezarase por algunas das incluídas no POS (Plan de Obras e Servizos) da Deputación. Cando rematen os trámites administrativos pertinentes, iniciaranse distintos aglomerados en vías do casco urbano.

(Residuos depositados na avenida de Conces-Fene esta semana)

Institucional

Publica o teu comentario agora