A nosa pataquiña

A couza guatemalteca está a ser erradicada pero queda un ano de corentena para algúns concellos afectados.
13 de Decembro, 2019 - 09:59 h. | Publicada por Radio Fene

Narón, Neda Valdoviño e San Sadurniño deben agardar outro ano para poder plantar patacas.

Fene é dos concellos que poderá plantar pataca no 2020 pero hai catro concellos na comarca que deben agardar alomenos outro ano máis sen poder poñela. A nova saltou este martes, trala xuntanza da comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca na que se adiantou o levantamento das restricións de plantación en nove municipios galegos, sete deles na provincia da Coruña e dous na de Lugo.

Os "afortunados" na nosa comarca son Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Ferrol, A Capela e As Pontes, mentres que en Lugo tamén poderán volver poñer pataca os municipios de Ourol e Abadín. A outra cara da moeda represéntana os municipios de Narón, Neda, Valdoviño e San Sadurniño onde a corentena aínda se manterá alomenos outro ano máis. Porén, a noticia non é mala de todo xa que  fontes da Xunta confirmaban que durante este ano que remata non se detectou presenza de couza nestes concellos e que, de seguir así, a partir de marzo de 2021 poderían estar botando pataca de novo.

Cómpre lembrar que as sancións por plantar patacas en calquera destes concellos poden chegar ata os 3.000 euros. (Na imaxe, a prohibición mantense en San Sadurniño)

Sociedade

Publica o teu comentario agora