A nosa vida é nosa

A nosa vida é nosa
09 de Novembro, 2020 - 10:52 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Cabanas, a través da Concellaría de Igualdade, vén de presentar a súa campaña para o 25 de novembro, Día Contra a Violencia de Xénero, que este ano celebra baixo o lema “A nosa vida é nosa”. A campaña está ilustrada por Leandro Lamas, quen quixo transmitir a necesidade de colocar a vida no centro (calma, natureza, benestar...) como condición imprescindíbel para o empoderamento e a revolución feminista. Para conmemorar esta data, o Concello vén de programar toda unha serie de actividades e obradoiros que se celebrarán ao longo de todo o mes de novembro, e que están dirixidos a públicos diversos.

25 de novembro

O domingo 15 de novembro, entre as 12.30 e as 19.00h, instalarase no Paseo da Madalena o stand da campaña “AgresiónOFF” en colaboración coa Xunta de Galiza, que ten como obxectivo sensibilizar e concienciar sobre a violencia sexual que sofren moitas mulleres. É unha actividade aberta á veciñanza de todas as idades, que poderá traballar sobre temas como o sexting, os pensamentos estereotipados ou a violencia a través de diversos obradoiros.

 

Para o xoves 19 de novembro, ás 19.30h, está programado un obradoiro de masculinidades disidentes a cargo de Pepe Cabido, dirixido a homes maiores de idade. Nel traballarase, desde o punto de vista masculino, como pensar en igualdade para educar e construír relacións de persoas libres e iguais. As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente, xa que as prazas están limitadas.

 

A cantautora feminista Sofía Espiñeira porá a banda sonora ao 25N en Cabanas, cun concerto que terá lugar o propio 25 de novembro ás 17h no Salón de Plenos. Estará acompañada no escenario polo violoncellista Guillermo Alzugaray, e tamén polo pintor Leandro Lamas, que pintará en directo un cadro que posteriormente será sorteado entre as persoas asistentes ao mesmo. Esta actividade tamén require inscrición previa.

 

“As administracións, e nomeadamente os concellos, xogamos un papel fundamental para loitar contra a lacra da violencia machista, e cómpre poñer todos os recursos necesarios para sensibilizar a homes e mulleres sobre a importancia do empoderamento feminino para acabar con ela”, sinalou Paula González, concelleira de igualdade de Cabanas.

 

Para inscribirse no obradoiro de masculinidades disidentes e / ou no concerto de Sofía Espiñeira, as persoas interesadas deben dirixirse ao correo igualdade@cabanas.gal ou ao teléfono 649 075 263, indicando nome completo, DNI e teléfono de contacto.

 

Actividades no CEIP Eladia Mariño

 

A campaña do 25N organizada pola Concellaría de Igualdade tamén programa actividades conmemorativas no CEIP Eladia Mariño.

 

Entre o 18 e o 20 de novembro desenvolverase o obradoiro de educación afectiva e sexual “Abeirar”, que promove o coñecemento do corpo, a aceptación de cada persoa, a posta en valor das diferenzas e a expresión libre, positiva e asertiva. O proxecto inclúe un obradoiro para familias e sesións eu aula para o alumnado de infantil e primaria.

 

O 27 de novembro terán lugar os obradoiros “Eu e Nós” dirixido a nenas e nenos de 6º de primaria, e que teñen como obxectivo crear espazos diferenciados onde poder abordar os malestares propios de cada xénero. Concretamente, no caso do grupo de rapazas favorecerase un achegamento ao ciclo menstrual no proceso de respectar o seu corpo e contemplalo desde un punto de vista positivo, mentres que no caso dos rapaces crearase un debate sobre o significado de crecer “sendo home” coa finalidade de rachar coas actitudes machistas que poidan xurdir”.

 

Campaña da Deputación

 

O Concello de Cabanas tamén se sumou á campaña “De Fronte”, organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, que ten como obxectivo xerar unha rede de colaboración estábel entre concellos activamente comprometidos coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, favorecendo a creación de sinerxías entre eles, coa propia Deputación e co conxunto da sociedade.

 

A través desta campaña tamén se programan actividades, como un concurso poético nas redes sociais, palestras online sobre violencia de xénero desde diversas perspectivas, contacontos e unha sesión de narración e origami.

Institucional

Publica o teu comentario agora