Nova cita co Festival do Río Castro, en Narahío

Nova cita co Festival do Río Castro, en Narahío

30 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ruote, Tiruleque e Ultraqans, son os grupos convidados este ano ao décimo sexto Festival do Río Castro que se celebrará o vindeiro sábado no lugar da Bola, no Concello de San Sadurniño. A AAVV O Castelo de Narahío ponse de novo ao fronte da organización deste certame que naceu no ano 1994 con fins reivindicativos.

"Tratábase de promover a recuperación do río e, á vez, a do Castelo de Narahío", segundo explicou a Radiofusión Manolo Varela, un dos socios da entidade veciñal. Pasados dezaseis anos dende que se celebrara por primeira vez o Festival do Río Castro, Varela cualifica de moi positivos os logros acadados aínda que opina que os veciños non deben baixar a garda e continuar "ollo avizor" fronte posibles ameazas aos seus bens naturais e patrimoniais.

O Festival do Río Castro comezará o sábado ao mediodía co tradicional concurso de merendas. Tralo xantar, anúncianse xogos tradicionais (como a chave, a corda ou o serrado con tronzador). Haberá tamén xogos infantís con Sapo Animación e, a partir das cinco do serán, está prevista unha actuación do grupo de clown Peter Punk. Xa pola noite, a música será a protagonista coas actuacións dos grupos Ruote, Tiruleque e Ultraqans. Os concertos comezarán ás dez e, segundo avanzou Manolo Varela, entre grupo e grupo actuará a Cé Orquestra Pantasma, de Vigo.

Sociedade