As novas tendencias do audiovisual, no Festigal 2014

As novas tendencias do audiovisual, no Festigal 2014

23 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Festigal 2014 proxectará no Espazo audiovisual tres pezas de interese para a divulgación: “A Fazaña da Liberdade”, un documental sobre a vida de Alexandre Bóveda; “Artemia”, unha serie impulsada por Irmandade TV; e “IES Pazombies”, unha curta sobre a lingua, feita por estudantes. Exhibiranse o 25 de xullo no campus sur de Santiago de Compostela.

As persoas interesadas nas novas creacións audiovisuais poderán achegarse na tarde do venres 25 de xullo ao campus sur de Santiago de Compostela para ver “A Fazaña da Liberdade”, un documental dirixido por Senem Outeiro sobre a vida de Alexandre Bóveda. Analízase o seu papel no desenvolvemento do nacionalismo galego da década de 1930, especialmente na configuración do Partido Galeguista, e a súa faceta como deputado en Madrid até o golpe de Estado fascista e o seu posterior asasinato.

“IES Pazombies” é unha curta realizada integramente por estudantes do IES As Neves, que fai un interesante xogo sobre o uso dos idiomas e convértese nunha parodia sobre a situación actual que vive a lingua galega nos centros de ensino da Galiza.

Coa webserie “Artemia”, desenvolvida dende IrmandadeTV e dirixida por Darío Autrán, o Festigal quere amosar o seu apoio á nova creación audiovisual en Galiza. Marcos (Gustavo Freire) perde o seu traballo como xornalista logo da ruptura coa súa moza Laura (Bea Meilán), que marcha con Esteban (Ernesto Delgado), irmán de Marcos. Así, a partir dun crime, a trama abre e anoa en arqueoloxías e dinastías familiares, nunha loita por coñecer o mundo real, que vai e vén nunha combinatoria de escenas veloces e de lenta construción nas emocións dos personaxes.

Sociedade