Noville despertará do seu sono

A vila romana de Mugardos terá plan director de Patrimonio
16 de Outubro, 2020 - 02:18 h. | Publicada por Radio Fene

O Plan director para a vila romana de Noville en Franza podería supoñer para Mugardos unha chea de posibilidades culturais, turísticas e económicas, en palabras da edil de Cultura Begoña Roldós.

ESCOITA O PODCAST:

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia acordou a elaboración dun plan director para a vila romana de Noville (Mugardos), habitada entre los séculos III e IV d. C. É un dos xacementos romanos de maior relevancia de Galicia e a súa escavación, dirixida por Fermín Pérez Losada entre os anos 1988 e 1989, supuxo un fito no coñecemento deste tipo de establecementos na Gallaecia romana. Para a concelleira de Cultura de Mugardos, Begoña Roldós, “isto supón un adianto enorme para un proxecto que se iniciara xa no goberno anterior do PP e que por fin verá a luz”. O plan director será elaborado pola empresa Trivium e a Xunta de Galicia asumirá o custe do mesmo. O seu obxectivo é dotar de planificación estratéxica a xestión do núcleo arqueolóxico de Noville, con accións concretas, con orzamentos, prioridades e marcos temporais a curto, medio e longo prazo, para establecer as políticas futuras que manteñan un equilibrio entre a conservación e o uso do espazo.

Begoña Roldós destaca que o enlace de Noville co Centro de interpretación de Caldoval vai supoñer un feito de gran valor académico, didáctico, turístico e de riqueza para Mugardos. O primeiro paso, xa autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio, consistirá no desbroce das parcelas nas que se atopan os restos para o que xa se conta coas autorizacións de todos os propietarios. Desde a concellería informan tamén que xa se está a traballar nun plan para 2021 co fín de poder localizar e negociar a adquisición das parcelas nas que se atopa o xacemento e anexas, o que permitiría seguir as catas co obxectivo de atopar novos restos. As medicións aproximadas feitas no ano 1989 requiren ampliar o radio de acción. “A disposición e colaboración da veciñanza é moi boa”, afirma a edil de Cultura. Logo virá a intervención arqueolóxica, seguindo o que xa se tiña atopado. Será necesario o estudo das mareas, para preservar o espazo, e a intervención final para a súa total recuperación.

O papel clave desempeñado ao longo da historia xunto coa súa excepcional situación xeográfica, fan do núcleo de Noville un recurso de primeira orde que pode axudar a crear dinámicas socioturísticas complementarias, e xerar oportunidades culturais e económicas para todo o concello.

 

(Imaxe de Noville en 1989)

Cultura

Publica o teu comentario agora