Novo ciclo de obradoiros de informática

Novo ciclo de obradoiros de informática

14 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes, dentro do Circuíto Deportivo e Cultural posto en marcha polo departamento de Cultura e Deporte o pasado mes de novembro, celebrará o próximo mes de xaneiro novos obradoiros de informática. Tratarase nesta ocasión de cursos de iniciación e perfeccionamento de Windows XP, de 20 horas de duración cada un, nos que xa están inscritos para participar preto de medio cento de veciños e veciñas de Ordes.

En canto ao curso de iniciación, as clases terán lugar os martes e xoves de 18:30 a 21 horas, dende o 11 de xaneiro ao 3 de febreiro na aula de informática da Casa da Cultura. O obradoiro de perfeccionamento de Windows XP celebrarase no mesmo lugar os luns e mércores de 19:30 a 22 horas dende o 10 de xaneiro ao 2 de febreiro. Dada a boa acollida que tivo esta convocatoria estase estudiando a posibilidade de realizar un segundo grupo no curso de perfeccionamento de Windows XP.  

Os obradoiros de informática son unhas das actividades máis demandadas polos veciños e veciñas de Ordes, ao que o Concello responde con diferentes convocatorias. Así, os pasados días clausurábanse outros tres cursos tamén de iniciación e perfeccionamento de Windows XP. Unha clausura á que asistiu o edil de Cultura e Deporte, José Ramón Vázquez Raña, que entregou os diplomas aos participantes, así como mostrou a súa satisfacción pola boa acollida que teñen entre a veciñanza as actividades programadas dende o seu departamento.

Sociedade