Novos escaparates

Novos escaparates
02 de Xaneiro, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

A moda de Ferrolterra a través das pantallas. Disque é momento de reinventarse, de facer as cousas de xeito distinto. No comercio, o que fai cousas diferentes, que lle da máis valor engadido ao seu produto é o que pode subsistir mellor. Comercios de roupa, peixerías e postos do mercado aproveitan as redes sociais para divulgar as súas ofertas.

Longa Vida Handmade

Todo o que non te pos é reutilizable. Helga Filgueiras e Antia Orjales son as responsabeis da firma Longa Vida en Instagram. Fan bolsas e roupa reciclada. Rescatan prendas e confeccionan mochilas e turbantes, cazadoras e chaleques. Detras do proxecto hai unha conciencia medioambiental, unha aposta contra o consumismo brutal. Tamén en Ferrol Esperanza e Ánxela Vázquez Dopico puxeron en marcha o perfil en Instagram Vazdopclothes. Venden roupa usada entre 5 e 15 euros.

Detrás disto hai un traballo moi pouco coñecido e, en moitas ocasións, tamén pouco valorado. Teñen que ter en conta que as redes sociais son o seu escaparate, neste caso Instagram é o berce das opinións, das vendas ou das críticas. As fotos teñen que ser as indicadas e ir en sintonía cos valores que intenta representar a tenda.

Como elas hai moitas outras que decidiron levar os negocios ás diferentes plataformas online en busca da expansión que necesitaba o seu comercio. Isabel Works (@isabelworks) conta con preto de 7550 seguidores en Instagram. Esta ferrolá que comezou facendo bikinis, para todos os gustos, conta agora con máscaras á última moda ou corsés.

Emma Bracelets ou Ant The Label son outras marcas “made in Ferrolterra”. A primeira é de bisutería e chegou ás casas de varias famosas que promocionaron os seus produtos polas redes sociais, a segunda é de moda e, igual que Isabel Works, optou por mulleres locais como imaxe da súa marca.

Estes só son uns cantos exemplos da forza das redes sociais. Mozas emprendedoras que buscan facerse un oco no mundo da moda e aproveitan a súa condición de nativas dixitais para asomar a cabeza entre costuras e abalorios.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora