Novos postos de traballo

Fene lanzará a oferta de emprego do 2018 mentres prepara a de 2019
23 de Novembro, 2018 - 02:02 h. | Publicada por Radio Fene

O goberno local de Fene proporá o luns a OPE do 2018 que inclúe seis prazas repartidas entre a administración, obras e policía local. A proposta pasou o filtro dos sindicatos na Mesa de negociación e, unha vez se aprobe en Xunta de Goberno, procederase á súa publicación, como paso previo á convocatoria.

O goberno municipal integrado por PP e Somos Fene levará á Xunta de Goberno Local da próxima semana a aprobación da Oferta de Emprego Público correspondente ó 2018. A proposta, que inclúe a convocatoria de seis prazas, abordouse onte na mesa de negociación e, trala votación, quedaba aprobada pola representación sindical (tres votos a favor de CSIF (2) e UGT (1) e unha abstención da CIG). Así, unha vez se aprobe en Xunta de Goberno procederase á súa publicación, como paso previo á convocatoria.

A OPE contempla a convocatoria dun técnico de administración xeral, un auxiliar administrativo de rexistro, un administrativo, un policía local, un oficial de albanelería e un encargado ( poñamos todas as prazas en feminino en todos os casos). Neste último caso, a praza de encargado-a , cubrirase a través do concurso de promoción interna.

O alcalde, Gumersindo Galego, avanzou tamén a intención do executivo de convocar, antes de que acabe o ano, a OPE do 2017, aprobada o 30 de decembro do pasado ano. Neste caso, catro prazas de administración, que se cubrirán por concurso de promoción interna, máis unha de auxiliar administrativo e un peón.

Ademais o goberno local traballa xa na Oferta Pública de Emprego do 2019, aínda que neste caso buscarase a creación de novas plazas que implicarán a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e, por tanto, a súa aprobación conxunta en pleno cos novos orzamentos.

Institucional

Publica o teu comentario agora