Novos servizos na web da Concellería de Turismo de Narón

Novos servizos na web da Concellería de Turismo de Narón

15 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A páxina incorpora información sobre os lugares de maior interese turístico do municipio e aplicacións relacionadas coas novas tecnoloxías, en calquera dos tres enderezos dispoñibles para os internautas (www.turismodenaron.es; www.turismodenaron.com e www.turnaron.com).

Coas modificacións e actualizacións realizadas, o visitante que entre neste espazo web poderá consultar información sobre os lugares de maior atractivo turístico de Narón (coma as praias, a área recreativa do Muiño de Pedroso, o parque temático do rural Aldea Nova, ou o Mosteiro do Couto), repasar as alternativas de ocio que ofrece o concello (como as festas de verán ou a Festa do Pemento do Couto que se celebrará o vindeiro domingo, 18 de xullo), ademais de recuperar novas relacionadas con Narón ou coñecer as previsións metereolóxicas.

Tamén ofrece outros servizos que poden resultar de interese para os turistas, como unha guía de aloxamentos (hoteis, pensións e albergues) e outra de locais de hostelería onde comer. Por outro lado, como novidade, permite realizar reservas hoteleiras a través da propia web.

Segundo explicou a Radio Fene o concelleiro de Turismo de Narón, José Luis Suárez, a nova páxina de Turismo do Concello conta cunha canle de chat na que se poderá falar en tempo real coa Oficina Municipal de Turismo (situada na glorieta de Freixeiro e aberta en época de verán) para formular as consultas que se precisen sobre temas relacionados co turismo. Esta páxina está dispoñible tamén en Facebook (onde xa ten máis de 400 seguedores), Twitter e Tuenti, e coma novidade inclúe un enlace a Youtube con distintos vídeos sobre o municipio.

Sociedade