O “Costa Concordia” sae a flote

O “Costa Concordia” sae a flote

17 de Setembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O "Costa Concordia" saeu a flote ás catro desta madrugada. A primeira fase dos traballos de recuperación do buque na costa da illa italiana de Giglio concluiu con éxito. Agora haberá que acometer varias probas sobre o estado do barco, antes de iniciar o seu traslado.Os traballos fan lembrar a operación de retirada do Discoverer Enterprise, empotrado na ponte das Pias (Fene A Coruña) o 13 de xaneiro de 1998.

Pasadas as catro da madrugada hora o Costa Concordia recuperaba a verticalidade, apoiado sobre a plataforma mariña construída para tal fin. En menos de 20 horas, o coloso de 114.000 toneladas volvía erixirse fronte ás costas da illa de Giglio onde encallou o 13 de xaneiro de 2012 con 4.229 persoas a bordo, 32 das cales morreron.

O xefe de Protección Civil, Franco Gabrielli, anunciaba á prensa con satisfacción que os traballos concluíran con éxito. «A rotación da Costa Concordia terminou. A embarcación xa está apoiada sobre a súa plataforma e marcamos un punto decisivo para afastalo de Giglio», aseguraba Gabrielli, quen sinalaba que o flanco do cruceiro antes afundido «está gravemente comprometido» polo que «aínda hai que facer varias probas» antes de sacar ao Costa Concordia do lugar.

Con tres horas de atraso polas malas condicións meteorolóxicas, ás 9,00 horas da mañá de onte comezaba a rotación da nave mediante unha operación de enderezamiento coñecida como «parbuckling» que xa fora utilizada con anterioridade en buques como o USS Oklahoma afundido en Pearl Harbour, pero nunca cun buque das dimensións do Costa Concordia.

Antes do mediodía chegábase a un dos momentos máis críticos do proceso, cando a nave desencaixábase das rocas onde encallou hai 21 meses. «A manobra realizouse cun movemento suave e sen ningún problema», explicou entón Sergio Girotto, enxeñeiro da empresa italiana Micoperi que xunto á estadounidense Titan levaron a cabo o rescate da nave que custou 600 millóns de euros.

«A nave está completamente separada das rochas. A tensión tende a diminuír como esperabamos. Estamos en fase de tracción e control. Aínda temos moito camiño por facer se non ocorre nada inesperado», dixo en rolda de prensa Girotto. As imaxes das cámaras subacuáticas robotizadas confirmaban o pase á seguinte fase. Os gatos hidráulicos tensaban os 36 cables de aceiro que, unidos á parte superior duns caixóns de aire comprimido e da plataforma submarina instalada a 30 metros de profundidade, tiraban da nave mentres outros cables conectados a 13 torretas levantadas a estribor equilibraban ao buque.

Ao 17.00 GMT o buque virara 13 graos. O especial coidado posto na operación para evitar a vertedura de deterxentes, lexivia, combustible e aceite que aínda contiña a nave, facían prever que as 12 horas previstas inicialmente para reflotar a Costa Concordia ían ampliarse. A Axencia Rexional de Protección Ambiental de Toscana, á que pertence Giglio, extraía cada hora mostras de auga na illa para controlar posibeis danos ao mar.

Sobre as 21 horas, as operacións suspendíanse durante unha hora por traballos de mantemento para impedir que os cables soltos interferisen cos cables tensados.

O xefe da Protección Civil, Franco Gabrielli informaba de que os traballos se alargarían durante a noite até o amencer. Non houbo que esperar tanto. Pouco despois do catro de madrugada lográbase completar a rotación de 65 graos até endereitar por completo o barco e, segundo os técnicos consultados pola RAI, «non houbo bomba ecolóxica».

«Hai moitos danos no barco e haberá que facer comprobacións», sinalaba Nick Sloane, o director das operacións de rotación do cruceiro, nas que traballaron unhas 500 persoas, entre eles 120 mergulladores, 50 enxeñeiros e 10 biólogos.

Unha vez reflotado o Costa Concordia será posible buscar no seu interior ás dúas persoas que aínda seguen desaparecidas: a pasaxeira italiana Maria Grazia Trecarichi e o camareiro indio Russell Rebello. Será tamén o momento de facer inventario de canto quedou no buque para devolver pertenzas aos pasaxeiros na medida en que o seu estado o permita.

Está previsto que na primavera a Costa Concordia sexa remolcado até o porto italiano de Grosetto onde será despezado. O proceso podería durar un ano. Unha vez retirado, repoboarase a flora mariña da costa do Giglio, gravemente afectada.

Sociedade