O aceite Vieiro chega a San Sadurniño

O aceite Vieiro chega a San Sadurniño

21 de Agosto, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A VI Feira Rural de San Sadurniño enfía os últimos días de preparativos. A cita é o sábado 30 de agosto no lugar da Cortiña e pouco a pouco van chegando as solicitudes de participación nun evento que busca por en valor todas as posibilidades de desenvolvemento de concellos que, coma o noso, teñen no agro e o ambiente un grande campo ao que sacarlle partido. Haberá de todo: exposicións, degustacións, mercado de

O aceite en cuestión prénsao a almazara As Pontis. O nome xa nos dá unha pista de a que se debe o do "sabor galego". E é que esta empresa encóntrase nun dos tres Concellos estremeños (As Ellas, Valverde e San Martiño do Trebello) onde se mantén a "Fala", unha lingua antiga moi semellante ao galego que, segundo parece, chegou a aquela zona da serra de Gata aló polo século XII levada por colonos galegos e do oeste leonés.

Aceptada xeralmente como variante histórica do Galego, a lingua foi manténdose e evolucionando no val de Xálima con tres dialectos, o Mañego, o Valverdeiro e o que falan nas Ellas, o Lagarteiro. Deste xeito o máis seguro é que na Feira Rural poidamos mercar aceite estremeño e que quen nos atenda o faga nunha lingua recoñecible como galego aínda que un tanto distinta.

Deixando a un lado as curiosidades, o certo é que a almazara As Pontis traerá unha mostra da súa produción para buscarlle novos mercados. A contorna é rica en olivas das que se extrae un aceite de moi alta calidade. Así o testemuñan os numerosos premios estatais e internacionais que colleitou a almazara nos últimos anos.

Grupo de consumo
Na feira poderase adquirir unha garrafa de cinco litros de aceite de oliva virxe extra "Vieiru" da variedade manzanilla cacereña por 18 euros. Porén o Concello está organizando un grupo de consumo para o que As Pontis lanzou unha oferta cun prezo de 17 euros. Non parece moito aforro, pero nunha caixa de tres garrafas -a que se merca habitualmente- estariamos aforrando cen pesos dos de antes.

Quen queira entrar no grupo e reservar aceite que despois poderá retirar na Feira Rural deberá contactar co técnico de Cultura no 616 332 919 e deixarlle os datos persoais, o teléfono de contacto e o número de garrafas que desexa adquirir.

Ademais do "Vieiru", As Pontis terá á venda outros aceites da denominación de orixe protexida Gata-Hurdes que tamén nos deixarán un certo "sabor galego".

A experiencia dos grupos de consumo non é algo novo en San Sadurniño. En ocasións anteriores xa se organizaron para a merca por xunto doutros bens, como foi o caso de paneis solares ou de varios ordenadores portátiles.

Sociedade