O Adriano e Mabel Rivera

A asociación Patio de butacas arroupou a Jaione Camborda na súa estrea
10 de Febreiro, 2020 - 11:31 h. | Publicada por Radio Fene

Arima proxéctase en quince salas galegas a un tempo. No Duplex cinema de Ferrol podese ver a película a diario durante esta semana.

O Duplex Cinema estreou onte a película galega Arima que se rodou entre Santiago, Mondoñedo e Fene. O cine Adriano de Barallobre ocupa algunhas esceas do filme de Jaione Camborda que onte se achegou a falar co público que acudiou á estrea en Ferrol. Entre o público estaba boa parte da Asociación Patio de butacas que participou activamente no coloquio posterior á proxección da película e se retratou no exterior das salas coa directora vasca afincada en Galicia (na imaxe).

Arima chega ás salas galegas avalada polo premio Nuevas Olas do festival de Sevilla. Segundo confesou onte Jaione Camborda, a súa primeira longametraxe estase a ver en quince salas a un tempo. A súa ópera prima é un trhiller psicolóxico, un filme moi persoal onde as mulleres acaparan a nosa mirada. No coloquio falouse da atmósfera da película, da natureza, das paixóns humanas, dos misterios que encerra.

A presencia da actriz Mabel Rivera do filme tamén concitou comentarios entre público e directora. Mabel Rivera interesouse moito pola rodaxe no cinema de Barallobre, confesou Camborda, porque ella ensaiou alí co grupo Tagallo do que formou parte nos seus inicios como actriz.

A película Arima seguirá na carteleira dos Duplex de Ferrol toda a semana. Hoxe proxéctase ás 22.00h e mañá martes, ás 21.40h.

Cultura

Publica o teu comentario agora