O aillamento poboacional é a mellor vacina que temos

O aillamento poboacional é a mellor vacina que temos
25 de Marzo, 2020 - 11:38 h. | Publicada por Radio Fene

A esperanza do alcalde de Ares Julio Iglesias, para o seu pobo e para Galicia en xeral, está posta na dispersión da poboación que no caso desta pandemia pode ser unha vantaxe.

ESCOITA O PODCAST:

Vinte aresáns foron multados por saltarse as medidas de seguridade. O alcalde, Julio Iglesias, afirma que hai xente que non se dá concienciado da gravidade da situación e pon en perigo aos demais. “Non se dan conta de que coidándose eles coidan aos demais, mesmo ás súas familias” declara o primeiro mandatario dun concello que reforza a seguridade contratando a seis auxiliares de policía municipal, indispensables neste momento. Como ocurríu noutros pobos costeiros, a Ares tamén lle chegaron “veraneantes” en pleno estado de alerta, pero Iglesias non quere tirar conclusión disto.

A esperanza

“Isto é algo moi serio. Os datos falan de 500 mortos… se miramos a Italia, mete medo” declara o alcalde aresán. Pero amosa unha ráfaga de optimismo ao falar de Ares e de Galicia en xeral porque, comenta, “o aillamento é a mellor vacina que temos”. Ser un pobo coa poboación moi dispersa pode ser agora unha vantaxe, segundo Iglesias quen engade "que moitos anciáns vivan no rural, váinos salvar porque as situación máis complicadas vívense nos medios máis urbanos".

O concello de Ares segue activo

Como alcalde de Ares, Iglesias ten a máxima de evitar a parálise municipal. Con ese propósito funciona o departamento económico desde o que se paga a proveedores con puntualidade, para paliar a tremenda situación que vive a pequeña empresa neste momento. Por suposto a desinfección dos espazos públicos son outra prioridade. Catro máquinas traballan nas rúas de Ares sen desmaio. Mimo especial pónse no centro de saúde, colaborando cos profesionais sanitarios na desinfección dos espazos interiores. Outra teima é a información á veciñanza e o cumprimento das medidas de alerta, algo que vixían Policía local de Ares e Mugardos e Garda Civil. Esta mesma mañá Julio Iglesias recibía a unha representación da Infantería de Marina que acudiron a Ares para ofrecer os seus servizos ao concello.

( Julio Iglesias Redondo en imaxe de Galicia Ártabra dixital)

Institucional

Publica o teu comentario agora