O alcalde debe dar exemplo, afirman BNG e EU

O alcalde debe dar exemplo, afirman BNG e EU
28 de Novembro, 2019 - 05:40 h. | Publicada por Radio Fene

BNG e EU de Fene reiteraron esta tarde a súa petición de dimisión do alcalde de Fene Gumersindo Galego tras a súa condena por un delito contra a seguridade vial. Juventino Trigo e Mari Carmen Martínez indicaron que un primeiro rexedor debe dar exemplo diante da cidadanía e subliñaron a gravidade de conducir baixo os efectos do alcohol. "Ao xurar ou prometer o cargo tamén nos comprometemos a respectar a legalidade e o alcalde non a respectou, segundo recoñeceu el mesmo no xulgado" indicou Trigo. "Aínda é máis grave que indique que non era consciente do que facía" engadiu Martínez. 

ESCOITA O PODCAST:
Juventino Trigo (BNG) e Mari Carmen Martínez (EU)

O portavoz nacionalista rexeitou manifestarse en torno á postura que adoptará o PSOE en torno a esta petición que levarán ao pleno ordinario de decembro: "Deberán ser os concelleiros socialistas os que expliquen a súa postura" concluíu.

Obriga cívica

O PSOE tamén reclama nun comunicado a renuncia de Gumersindo Galego á alcaldía de Fene: «A responsabilidade institucional ten un nivel de esixencia nas condutas dos cargos públicos ; as explicacións dadas ata agora e a baixa do PP son insuficientes para normalizar o traballo na corporación», defenden nun comunicado, no que tamén salientan:. «A dimisión é unha obriga cívica».

 

A Corporación de Fene fórmana seis concelleiros do PP , seis do BNG, 4 do PSOE e 1 de Esquerda Unida. Goberna o Partido Popular en minoría ao tratarse da lista máis votada o pasado vinteseis de maio. 

Institucional

Publica o teu comentario agora