O antroido toma a Terra Chá desde o domingo

O antroido toma a Terra Chá desde o domingo

20 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os concursos e os desfiles serán o nexo común dos concellos que forman a Terra Chá. Co martes de carnaval como día grande, os veciños de Vilalba, Guitiriz, e Rábade poderán pasar un bo rato e obter premios nos diferentes certames destes concellos. En Abadín o día indicado para saír ben disfrazado será o domingo 22.

Na capital chairega a hora de comezo será as 17.30 do día 24, cando o desfile de Murgas e Comparsas tome as rúas da vila. Os mellores disfraces terán o seu recoñecemento, xa que desde o concello se puxo en marcha un concurso con diferentes categorías. O Grupo Escénico ou Charanga debe ter un mínimo de 10 persoas para poder optar a un premio de 850 euros para o primeiro e de 650 e 450 para o segundo e terceiro respectivamente. O mellor disfrace individual, para maiores de 15 anos, recibirá 120 €, sendo 90 para o segundo e 50 para o terceiro. A mellor parella terá 200 €, e o segundo 150 e o terceiro 90. Ademais, tamén haberá un certame para nenos de 0 a 10 anos e de 11 a 15. O prazo de inscrición remata o luns 23 de febreiro na oficina de Cultura do Concello. Pero o antroido non remata no martes, xa que o mércores celébrase o enterro da sardiña, que contará cun espectáculo organizado pola Escola Municipal de Teatro na praza da Constitución.

Guitiriz tamén terá no día 24 o seu punto forte. A Asociación Xermolos xunto co Concello organizaron para ese día un desfile polo pobo que rematará no pavillón municipal. O certame tamén deixará premios para a mellor comparsa (100€) e ao disfrace máis orixinal, á mellor música e ao maior traballo, todos de 60 €. O carnaval deste ano servirá de homenaxe para un dos fundadores de Xermolos e impulsor desta festa en Guitiriz e que morreu o ano pasado, Luis Fabiano López Felpeto.

Rábade organizará dous actos o luns e o martes. O primeiro dos días, o 23, haberá unha Festa Infantil no Centro Sociocultural de 17:00h a 20:00h, para que os máis pequenos pasen unha tarde agradable e se divirtan bailando e xogando. Pero o día grande será o Martes 24 de febreiro co Concurso e o desfile de disfraces na Praza de España ás 17:30h, que estará amenizado coa orquestra Venecia. As inscricións faranse na mesma praza ás 17:00h. Ao remate do desfile e gracias a colaboración da Asociación de mulleres Águeda de Rábade haberá degustación de postres típicos do entroido para tódolos asistentes.

Abadín vivirá con especial ilusión a chegada do domingo 22. As murgas, comparsas e pequenos tomarán o pavillón polideportivo para o gran desfile de disfraces que terá lugar a partir das 17.30 horas. Para todos aqueles que queiran participar no certame deben apuntarse antes do propio día 22.

Sociedade