O arquitecto en Lubre

O arquitecto en Lubre
27 de Xullo, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Fernando de Casas e Novoa deseña a fachada da catedral de Santiago na Praza do Obradoiro. Antes de realizar a que será a súa obra principal, Casas, como arquitecto do cabido, visita en xaneiro de 1740 a igrexa de Lubre en Ares. Indica no seu informe que a capela maior está arruinada e marca as condicións nas que se debe realizar a reconstrucción.

Fixouse a obra en 2300 reais de vellón e realizáronna Francisco de Monteagudo de Ares e Domingo Núñez de Mugardos. Casas volve revisar a capela maior en agosto dese ano, unha vez realizada a obra e manda realizar un maior aporte de tella. Núñez acudirá á xustiza ao ano seguinte para reclamar o pago que quedara pendente. Na igrexa de Lubre hai documentadas outras duas intervencións. O canteiro Miguel Canedo con Francisco Cebreiro e Felipe Galego, compuxo a torre do campanario da igrexa de Lubre en 1698. Os campaneiros Domingo e Lucas del Castillo y Palacio realizan daquela unha campá nova. Outra intervención realízase no interior da igrexa en 1774. O carpinteiro Juan Torrente fai dous frontais novos un para o altar maior e outro para o de San Nicolás de Bari. O pintor Alejandro Gutiérrez pinta o colateral de San Nicolás de Bari, frontal, marco, gardapó e respaldo. Retoca de cores o retábulo da capela maior e pinta o seu frontal e o colateral de San Bartolomé.

Cultura

Publica o teu comentario agora