O arquivo municipal de Fene gaña espazo e avanza cara a dixitalización dos seus fondos

O arquivo municipal de Fene gaña espazo e avanza cara a dixitalización dos seus fondos

26 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Entre hoxe e mañá está previsto que remate a instalación dos novos armarios destinados á compactación dos fondos do arquivo municipal de Fene. Os traballos desenvolvéronse en dúas fases, sendo a última posible grazas a unha subvención de trinta mil euros que concedeu a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ao Concello.

Ademais de financiar a segunda fase de compactación de documentos no arquivo municipal, a axuda da Xunta de Galicia permitirá poñer en marcha o proceso de dixitalización do fondo histórico de Fene. Segundo explicou a Radiofusión a arquiveira municipal, Mar Fontela, “será un proceso longo, seguramente de anos, pero vai permitir achegar aos veciños e veciñas documentos moi valiosos”.

A día de hoxe xa están mercados os equipos que se empregarán na dixitalización dos documentos: un escáner A3 e unha máquina multifunción. Ademais, segundo Mar Fontela, o traballo xa está planificado. “Comezarase polos libros de actas dos Plenos, dende o ano 1900, e logo pasarase aos documentos do século XIX e aos que estean en peor estado”.

No tocante á compactación do arquivo, a responsable do departamento explicou que xa están practicamente instalados os novos armarios no baixo anexo á Casa do Concello. Cando remate o proceso, asegurou Mar Fontela, “haberá espazo suficiente para arquivar novos documentos durante os vindeiros sete ou oito anos”.

Sociedade