O artista austríaco Wolfgang Trettnak presenta a súa exposición “Peixes Electrónicos” en Sotavento

O artista austríaco Wolfgang Trettnak presenta a súa exposición “Peixes Electrónicos” en Sotavento

28 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O artista austríaco Wolfgang Trettnak presentou hoxe no Parque Experimental Sotavento a súa exposición de pintura “Peixes Electrónicos”. Este Doutor en Químicas nacido en Graz destaca por facer unha fusión entre a ciencia e o arte, mesturando elementos electrónicos con peixes que posúen propiedades eléctricas ou luminescentes. A exposición estará presente no miradoiro da Aula Divulgativa do Parque Eólico

Os cadros están pintados con acrílicos sobre lenzo e neles aparecen representadas distintas especies de peixes xunto con compoñentes electrónicos como placas, circuítos, díodos, etc. As distintas especies representadas corresponden a animais acuáticos con dous tipos de calidades. Por un lado, peixes que utilizan a electricidade como medio de comunicación, orientación, cortexo, caza ou defensa; e por outro aqueles que posúen propiedades bioluminiscentes, que empregan para atraer as súas presas, así como para a camuflaxe, ou a iluminación. Cada obra conta, ademais, cunha lenda onde se explica a idea plasmada no cadro.

 

Esta é a segunda vez que Sotavento alberga unha exposición de pintura que trata de relacionar arte e ciencia, dúas disciplinas que en palabras dos artistas defensores deste estilo “non están tan afastadas”. Este acto tenta ser unha ponte entre ambas, podendo unha dar a coñecer a outra e viceversa. No acto inaugural participou o presidente da Fundación Sotavento Galicia e Director do Inega, D. Juan Álvarez Carril, o propio Trettnak e a artista coruñesa Margarita Cimadevila, contando coa presenza de máis dunha trintena de alumnos do Institut National d´Horticulture et de Paysage situado no norte de Francia.

Wolfgang Trettnak naceu en Graz, Austria, en 1962. Cursou estudos na Universidade de Graz acadando o grao de doutor en Químicas en 1989. Traballou como investigador durante 10 anos no centro de investigación Joanneum Research en Graz ata 2002, este período foi tan só interrompido durante un ano, 1992, no que realizou un post-doutorado na Universidade de Florencia, Italia. Ademais do seu traballo científico, Wolfgang Trettnak traballou no campo da pintura e as artes gráficas durante case 30 anos. Participou en numerosos e internacionais obradoiros artísticos, seminarios e cursos. Aínda que nos seus traballos utiliza distintas técnicas actualmente prefire os acrílicos . Realizou exposicións individuais en Graz, provincia de Estiriam, Austria, Florencia, Italia e en Chequia. Actualmente traballa como artista na localidade de Werndorf no sur de Graz. Curiosamente, ademais dos seus estudos no campo da luminescencia, rastros de luz, sensores biónicos, etc, inspirouse en Galicia e na abundancia da súa pesca para a elaboración desta obra composta por 10 cadros.

Sociedade