O Barco de Valdeorras contará cunha fábrica para transformar os residuos de lousa nunha fibra illante

O Barco de Valdeorras contará cunha fábrica para transformar os residuos de lousa nunha fibra illante

09 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Instituto de Cerámica de Galicia, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, patentou unha fibra illante obtida a partir de residuos de lousa. Este material pode utilizarse nos sectores naval, aeronáutico, químico, automobilístico ou electrónico, entre outros. Froito do invento, un grupo de empresarios do Barco de Valdeorras están a pór en marcha unha planta para producir esta fibra de xeito industrial.

“No Barco de Valdeorras tíranse cada ano miles de toneladas de residuos e o que fixemos foi buscarlles un uso”, explicou o director do Instituto de Cerámica de Galicia, Francisco Guitián. O centro universitario realizou este proxecto en colaboración cunha cunha empresa de Valdeorras e un instituto de investigación de Ucranía, grazas ao cal dispuxeron de tecnoloxía industrial soviética para a obtención das fibras.

O Instituto de Cerámica de Galicia (ICG) naceu en 1990 e está integrado por unha vintena de profesionais, entre eles físicos, químicos, enxeñeiros e técnicos. Trátase dun centro mixto, que pertence tanto a empresas como á Universidade. Nos seus inicios dedicábase principalmente ao estudo da cerámica, pero na actualidade ese labor só ocupa un 20% do traballo, investindo a meirande parte do tempo na investigación de todo tipo de materiais industriais. Nos seus anos de vida, o Instituto deu lugar á creación de tres empresas que xa se lanzaron ao mercado: Neoker, a única produtora mundial de whiskers de alumina; Keramat, a única compañía estatal fabricante de biocerámicas; e a última, Mifibra, dedicada a creación de fibras minerais a partir dos residuos de lousa.

Sociedade