O Bispado de Lugo denuncia aos veciños dunha parroquia

O Bispado de Lugo denuncia aos veciños dunha parroquia

22 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O conflito entre o Bispado de Lugo e os veciños de Ribadulla, no municipio coruñés de Santiso, pola propiedade dos terreos que os fregueses utilizan para a festa e outros eventos, chegará este xoves, en forma de demanda civil, ao xulgado de Arzúa (A Coruña). O Bispado non cedeu na reivindicación da propiedade e os veciños insisten en ser os titulares do terreo de 2.400 metros cadrados.

O xoves acudirán como demandados polo Bispado 53 veciños de Ribadulla, a práctica totalidade dos habitantes, ademais de 10 testemuñas pola parte veciñal e catro propostos pola parte demandante. Tampouco faltarán probas periciais, unha delas caligráfica e outra elaborada por un perito agrícola.

O conflito remóntase a hai máis de dous anos, cando os fregueses abortaron un intento de venda por parte do Bispado da casa reitoral, que tamén incluía o campo da festa que está xusto enfronte.

A oposición veciñal e o medo que esgrimiu o párroco de entón levou ao prelado da diocese, Alfonso Carrasco Rouco, a deixalos sen misa e pechar o templo durante unha tempada. O Bispado reclama a titularidade da leira exhibindo unha escritura, até agora descoñecida para os veciños, do ano 1967, cando esta parroquia quedou parcialmente anegada polo encoro de Portodemouros. Esta proba rebátena os residentes en Ribadulla con documentación catastral ao seu nome e unha escritura pública onde se recolle a venda do campo que realizaron habitantes da parroquia á asociación de veciños.

Ribadulla ten pouco máis de 30 casas habitadas e a Igrexa demandou á práctica totalidade dos residentes. Nun dos casos, serán os oito integrantes dunha familia os que terán que pasar o xoves polo xulgado. O celo do Bispado lucense levouno a incluír na denuncia aos herdeiros dunha persoa falecida, aínda que posteriormente tivo que excluílos, xa que a morte do demandado produciuse antes da firma de compravenda do terreo en litixio.

Sociedade